Concello

Vedra1

A Vedra, autovía ou avenida urbana?

Para algunhas persoas, como as que formaban o anterior goberno municipal do PP e en especial do exalcalde, Carlos Negreira, que recentemente publicaba un artigo sobre a insoportable levedade do condutor que entra e sae da Coruña, a cidade empeza en Linares Rivas, xunto ao porto, e o resto é tan só unha autovía, case unha pista de aterraxe e despegamento chamada a Vedra por onde transitar botando fume a 80 km por hora entre vivendas dunha veciñanza que pouco ou nada conta. Un atrezzo de obrigado paso.

O pasado martes, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, desprazáronse a Madrid para reunirse coa ministra de Fomento, Ana Pastor e presentarlle o proxecto de ampliación da Vedra baixo os principios de integración e humanización do viario coa súa contorna. A Vedra seguirá sendo unha avenida pero convivirá de forma harmónica cos distintos barrios existentes na súa extensión, dotándoos ademais, dos imprescindibles espazos verdes que melloran a calidade de vida das persoas. O proxecto asinado por Negreira e os seus só beneficiaba aos coches.

Vedra2 Xerar dous grandes bulevares para o paseo e carrís bici implica potenciar a relación entre barrios, apoiar aos comerciantes de proximidade descentralizando as dependencias que existen na actualidade. Rachar ese modelo de cidade onde todo ocorre no centro urbano ou nas grandes superficies comerciais, onde inexorablemente as persoas vense obrigadas a concorrer. Non se descoidará a mobilidade nin a importancia da Vedra como entrada da cidade, pero non serán estas as únicas cuestións en mente.

O proxecto  presentado polo goberno municipal é, por agora, un borrador que haberá que perfilar e consensuar, pero marca uns obxectivos claros. É para as persoas, non só para os coches. É para a maioría, non para uns poucos. Pon en valor os barrios que bordean A Vedra (Someso, Elviña, Matogrande, o Ofimático), mantén a súa aptitude como vía de tránsito de maior capacidade e beneficia a toda a cidade creando espazos verdes. Polo sureste, a cidade empeza na Ponte da Pasaxe.

Have your say