Saltar ao contido

O Concello da Coruña presentará este xoves, ás 19.30, no Teatro Rosalía as políticas de participación que porá en marcha, baixo o nome de A Porta Aberta

No acto intervirán a concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela

Abrir portas e ventás é unha das metáforas máis empregadas pola Marea Atlántica na súa exposición de ideas. Fala de facer das insitiucións públicas lugares coas paredes de cristal e onde a xente non se sinta intrusa. De poñer a xestión á vista de todos e de escoitar a todos por igual. De non ver aos cidadáns como simples votantes, senón como os verdadeiros suxeitos da soberanía.

O concello da Coruña avanzou nese sentido cando botou luz sobre o estado das contas municipais e fixo públicos os informes de intervención e tesourería, cando abriu a entrada nos plenos a calquera con interese por escoitalos, e cando puxo en marcha o Escano Cidadán, que este 14 de setembro permitiu aos veciños falar directamente no pazo de María Pita, por primeira vez na historia.

Este pleno foi  especialmente emotivo porque fixo realidade o escano cidadán e porque trasladou unha mensaxe inequívoca: as portas das institucións xa se abriron para a cidadanía porque como se dixo en Barcelona no encontro das cidades rebeldes a xente é e será o epicentro da acción política. Non ten volta atrás. É só o comezo. A imaxinación política e o desexo  non coñecen, por sorte, descanso.

Resulta sintomático que algúns grupos da oposición poñan peros de diverso tipo para obstaculizar xa non o funcionamento do concello senón tamén que se exploren posibilidades neste ámbito. Os mesmos grupos que entenderon a política como unha carreira para perpetuarse en cargos e en privilexios e que cultivaron diversas modalidades do despostismo político. Non ten volta atrás.

A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, presentará este xoves, ás 19.30, o programa A Porta Aberta, denominación baixo a que se inclúen todas as políticas en materia de participación que porá en marcha o Concello. Neste acto, que é de acceso libre e ao que toda a cidadanía está convidada, tamén intevirán o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela. Será no Teatro Rosalía, un lugar emblemático de moitas conquistas e iniciativas cidadás como aqueles históricos Xogos Florais de 1861 que tanto significaron para a cultura de noso. Non ten volta atrás.

A participación cidadá non é unha entelequia. É unha oportunidade que temos que aproveitar a cidadanía para tamén gobernar o pazo, para tamén facer valer as nosas prioridades, para tamén construír outro modelo de democracia. Para que non se goberne contra nós nin ás nosas costas nin en contra dos nosos intereses. Non ten volta atrás.

No Rosalía estamos convocadas as persoas que temos algo que dicir, sen exclusións, veciñanza, entidades e asociacións, concelleiras. Nunca como agora a porta vai ficar aberta para todas. Non ten volta atrás.

No Rosalía debateremos sobre as propostas do equipo de Claudia Delso. Un dos temas estrela é a organización distrital da cidade pero non para bautizar espazos ou territorios senón para pór en marcha novas culturas políticas, novas formas de facer, novas formas de participar. Polo menos para un tema tan principal como son os orzamentos participativos, aqueles nos que a xente pode opinar sobre onde quere que se gasten os cartos públicos. Ao mellor as obras faraónicas quedan definitivamente suprimidas. Non ten volta atrás.

Dito programa achega aos barrios da Coruña unha serie de mecanismos para decidir e construír, desde orzamentos participativos até espazos para a deliberación. Os distritos e os barrios gozarán desde xa de voz propria para trasladar e resolver colectivamente os seus asuntos. O concello ten previsto presencialmente e on line realizar antes de fin de ano un total de vinte e sete xuntanzas coas persoas deses distritos, coa xente da nosa cidade. As portas ábrense para que a cidadanía sempre intrusa entre nos despachos, nos computadores e sobre todo no corazón da política. Non ten volta atrás.

Na Coruña estamos afeitas a que se nos teña pouco en conta. Moitas veces maiorías absolutas nada dialogantes tomaron decisións estratéxicas e mobilizaron moitos fondos públicos para cousas que non nos beneficiaron a todas pero que encheron o peto de moitas. Trátase de cambiar esta dinámica. De que a democracia non sexa votar cada catro anos e durante ese tempo que se goberne á marxe das rúas onde vivimos a xente do común. Vós e nós. Non ten volta atrás.

Vivimos afeitas a unha política vella e anquilosada, a unha política que vén respondendo con máis do mesmo. Cando sufrimos austeridade aportan máis austeridade, cando vemos que axentes externos á democracia obteñen máis poder outórganlle aínda máis poder.

O motivo é claro: cren que esas solucións funcionaron algunha vez, e como non teñen imaxinación repítenas e repítenas até a saciedade, facéndonos vivir nun pasado continuo que non leva a ningures.

Non cren no futuro porque viven no pasado, a Marea Atlántica é presente, pero tamén é futuro desta cidade, un futuro que require ser elaborado por moitas voces e mans, e para elas lanza A Porta Aberta. Cremos na participación cidadá, non como unha política pública máis, senón como unha nova forma de facer as cousas, porque cremos na intelixencia colectiva.

Non ten volta atrás

Desde que tomou posesión, Claudia Delso comparte experiencias con outras cidades no estado, o 15 de setembro estivo en Logroño na Rede Española de Cidades Intelixentes, Reci. Alí a concelleira traballou nestas materias ligadas á transparencia e ao goberno aberto. Non estamos sos. No pleno do 14 alguén criticaba a presenza coruñesa no encontro de Barcelona. Non saben ou non queren saber en que punto estamos do novo ciclo político. A perda de votos e apoios populares a algúns non lles provocou ningunha reflexión. Non ten volta atrás.

A Marea Atlántica está satisfeita coa participación nesta rede de intercambios onde a participación e as portas abertas están á orde do día. Están no ADN das candidaturas de confluencia. A mesma rede, ampliada, que constrúe en Europa, para orgullo da veciñanza, cidades refuxio.

A Marea como moitas persoas celebra que esteamos noutro capítulo da historia da cidade. Hai moito por facer. Innovar é máis complexo que ficar parado ou retroceder. Desde aquí animámosvos, mulleres e homes da Coruña, a que acompañedes o proceso. Empurrade a porta, entrade nas estancias do pazo. Sodes benvidos. Sodes benvidas. Somos benvidos. Somos benvidas. Non ten volta atrás.

A participación cidadá non ten volta atrás