Saltar ao contido

Tamén reclamará a recuperación dos horarios da oficina de denuncias da Policía Nacional  e do servizo de atención a vítimas de violencia machista, que viron reducida a súa atención ao público

O grupo municipal da Marea Atlántica levará ao próximo Pleno do Concello, este luns 10 de outubro, unha moción na que insta a derrogar a chamada Lei Montoro (Lei 27/2013 do 23 de decembro de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local) e a modificala no sentido do texto presentado esta semana polo grupo confederal Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea no Congreso dos Deputados.

O texto que será presentado no pleno da Coruña indica que “as administracións locais foron as grandes prexudicadas polas políticas de austeridade levadas a cabo nos últimos anos”. E lembra que máis de 3.000 concellos de todo o estado, que representan a 16 millóns de persoas, expresaron xa o seu rexeitamento a esta normativa que, entre outros problemas, provocou recortes nos servizos sociais que os municipios lle prestaban á súa veciñanza.

Nesta moción tamén se insta ao Goberno da Xunta de Galicia a desenvolver unha Lei de Facendas Locais que permita garantir a autonomía financeira dos concellos, e que teña en conta a relevancia das cidades, onde reside a maior parte da poboación. Na mesma liña, solicítase que se mellore a participación das institucións municipais nos ingresos autonómicos e a redefinición dos mecanismos de equilibrio territorial.

 

Volta á normalidade nos servizos da Policía Nacional

O grupo da Marea Atlántica defenderá outra moción no pleno, relacionada neste caso coa recuperación de dous servizos prestados pola Policía Nacional na cidade. Trátase da Brigada Operativa de Atención á Familia e á Muller e a Oficina de Denuncias e Atención Cidadá, que hai pouco viron reducidos os seus horarios sen explicación.

“Os recortes non poden tocar servizos básicos para a atención e o desenvolvemento da vida da cidadanía. Os dous servizos cuxo horario viuse reducido son especialmente importantes”, recorda a moción, que apunta a que a Brigada Operativa de Atención á Familia “cumpre unha misión tan importante como a de investigar e perseguir infraccións penais de violencia de xénero, así como coordinar a actividade das mulleres que sofren violencias machistas e as actuacións sobre menores”.

“Loitar contra a lacra das violencias machistas debe ser entendida como unha cuestión de Estado, e como tal, ningunha institución pode permitir recortes neste sentido, que poidan resentir a atención que se lle dispensa ás persoas que a sofren”, indica.

Ademais, os concelleiros e concelleiras da Marea Atlántica defenderán, xunto ao resto de grupos políticos do Concello, unha moción en defensa dos postos de traballo na empresa de atención telefónica EXTEL, que traballan exclusiva para Movistar e vén de anunciar un ERE que afecta a 205 familias da nosa cidade. A nosa plataforma cidadá tamén solicitou unha medida semellante na Deputación Proivincial.

A Marea Atlántica pedirá no pleno a derrogación da Lei Montoro