Polo seu interese, reproducimos o artigo publicado en eldiario.es, sobre o outono de residencia contra os tratados de libre comercio que tentan vender os nosos dereitos a cambio de máis poder para as empresas multinacionais
O texto foi asinado polo alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, entre un amplo grupo de persoas do mundo da cultura, intelectuais, artistas, xornalistas, políticos, sindicalistas e activistas
Xogámonos moito. Si, este outono pode ser decisivo para o noso futuro. A frase pode soar excesivamente dramática. Pero este outono pode abrir as portas a un cambio político. E non; non nos referimos aos posibles pactos para formar gobernos, nin ao que podería suceder en futuras eleccións. Non. Trátase de gañar unha das batallas que temos aberta para defender a democracia.
Porque cada vez é máis evidente que a democracia se atopa secuestrada. Os rescates bancarios, as perdas de dereitos laborais ou os recortes de gasto social son agora impostos polos mesmos que promoveron as políticas comerciais globais que xustifican a mercantilización de todas as facetas da vida. Un modelo de comercio sen democracia que concentrou o poder corporativo, estragou o planeta e deixou a nosa soberanía ao servizo das grandes empresas.
E neste outono temos a oportunidade de mudar as tornas. Porque podemos deter as negociacións sobre o TTIP, o tratado comercial que negocian a Unión Europea e os Estados Unidos. Un tratado que comezou a debaterse en segredo e que a presión popular obrigou a sacar á luz. Un tratado que foi acumulando rexeitamento cidadán ao poñer o lucro das grandes empresas por enriba dos dereitos das persoas. Un tratado que se atopa feble grazas ao esforzo colectivo de millóns de mulleres e homes que creron que só se perde aquilo polo que non se loita.
Este outono tamén se pode impedir a ratificación do CETA, o tratado comercial xa negociado entre a Unión Europea e Canadá. Un tratado cuxa falta de información foi maior aínda que a do TTIP e que inclúe as mesmas concesións aos grandes capitais que o de EEUU, razón pola que cada vez se atopa máis cuestionado.
Este outono a poboación europea e norteamericana poden conseguir que ambos tratados pasen á historia. Non é unha quimera. Ao contrario, agora mesmo, é unha vitoria ao noso alcance. A presión cidadá internacional está amosando ser eficaz e coordinada abondo como para asestar un golpe na liña de flotación do modelo comercial imperante. E entre as súas fendas, pódense materializar novos paradigmas.
Non pecamos de ilusión va. Sabemos que o simple feito de derrotar estes tratados non supón un cambio inmediato de modelo. O día que se anuncie a ruptura das negociacións do TTIP non se desfarán os recortes, nin se derrogarán as últimas reformas laborais, nin os intereses privados desaparecerán da sanidade. Tampouco haberá un reparto instantáneo da riqueza ou do traballo. Non será o día no que o cambio climático deixe de ser un feito, desapareza a violencia machista ou se evapore a débeda cos mercados financeiros para poder aumentar o gasto social. Non. Pero esta noite quen tratan de obter beneficios a custa dos dereitos das demais persoas durmirán sabendo que o seu poder ten un límite, o da cidadanía activa e organizada. Escoitarán o berro de liberación de quen queren un modelo de desenvolvemento máis solidario, xusto e con respecto ambiental. Saberán da forza de quen cren que a liberdade das persoas debe prevalecer sobre os grandes capitais. Comprenderán algo tan sinxelo como que os pobos deben decidir democraticamente o seu futuro por riba dos intereses empresariais.
Si, apoiamos que este sexa un outono en resistencia. Durante todo o outono convocaranse mobilizacións en Europa e América. Coincidindo coa Semana da Loita Contra as Causas da Pobreza, moitas cidades convocarán mobilizacións contra o CETA e o TTIP entre o 8 e o 15 de outubro (na Coruña, haberá manifestación o sábado 15, ás 19.00 horas, no Campo de Marte). Desde aquí, chamamos á cidadanía a acudir, participar e difundir. A amosar que non se pode actuar impunemente á marxe das persoas.
Este artigo está asinado pola Campaña #NOalTTIP, xunto a un amplo grupo de persoas do mundo da cultura, intelectuais, artistas, xornalistas, políticos, sindicalistas e activistas. Entre eles están Xulio Ferreiro, Ada Colau, Xavier Doménech, Alberto Garzón, Marina Albiol, Yolanda Díaz, Teresa Rodríguez, Pablo Iglesias, Íñigo Errejón, José Antonio Pérez Tapias, Carlos Sánchez Mato, Mónica Oltra, Arnaldo Otegui, Anna Gabriel, Justa Montero, Maria Eugenia Rodríguez Palop, Nerea Ramírez Piris, Mario Rodríguez Vargas, Ignacio Fernández Toxo, Irene de la Cuerda, Kiko Veneno, Nacho Vegas, Alberto San Juan, Juan Diego Botto, Olga Rodríguez, Anabel Sanz, Amaia Pérez Orozco ou Yayo Herrero.
Podes engadir aquí a túa sinatura