Novas da Marea

A Marea aposta por unha confluencia real e baseada no protagonismo da xente

A Rede, o principal órgano de toma de decisións colectivas da plataforma cidadá, aprobou unha resolución que busca contribuír aos procesos de confluencia en cernes, e fixa os seus criterios mínimos para apoialos

Redexull2
Segundo o documento aprobado na Rede, acompañarase un proceso de confluencia que:

● Respecte os nosos principios. Un proceso máis amplo no que a Marea Atlántica poida participar, apoiar ou colaborar, terá que ser fiel aos nosos Principios Básicos para levar a ese proceso os valores que nos caracterizan: garantir unha vida digna para todas as persoas, construír unha economía xusta e sustentable e poñela ao servizo da cidadanía, forxar unha democracia real, fomentar a participación cidadá, establecer un compromiso ético coa cidadanía e traballar pola igualdade.

● Sexa un proceso de confluencia real no que todas as forzas traballen en pé de igualdade, apostando pola unidade e buscando puntos en común deixando de lado as diferenzas. Necesitamos un espazo de confluencia, no que caibamos todas as persoas, arredor dun desexo común: acabar coas políticas ditadas polas elites e o poder económico e rescatar a democracia, secuestrada polo bipartidismo. A Marea Atlántica demostrou que se traballamos pola confluencia e a unidade teremos éxito, e hai xente capacitada e disposta para traballar nun proxecto que leve o espírito da Marea ás Eleccións Xerais dende Galicia.

● Sexa un proceso baseado no protagonismo da xente, que vaia máis alá dos nomes e das siglas. Un proceso radicalmente democrático e participativo no que ningunha forza teña un papel predominante sobre outra e ao que todas as persoas poidamos considerar como propio.

RedexullDesde a Marea non queremos permanecer alleas a situación social de emerxencia e despoxo que estamos a padecer non so na nosa cidade, mais no país e no Estado. Os problemas seguen a ser os mesmos que nos puxeron a nós en marcha e as dificultades son aínda maiores. Sabemos que non teñen por que servir os mesmos métodos nin as mesmas ferramentas nin as mesmas persoas. O que si compre é aportar a experiencia do noso camiño andado, do xa feito e do que seguimos construíndo, conscientes de que o novo reto que afronta a cidadanía é máis amplo e complexo do que o noso proxecto abarca no ámbito municipal. Certos cambios e certas conquistas só seran posibles se actuamos dende unha perspectiva de Estado. As leis inxustas so poderán ser derogadas e contestadas dende o Congreso e o Senado.

Por iso, pola responsabilidade asumida na construción colectiva de presentes e futuros mellores, pola necesidade de sumar o que a Marea Atlántica modesta e honestamente poida dar desde A Coruña, consideramos que é precisa a nosa contribución na reflexión da cidadanía sobre os novos espazos de confluencia que están xurdindo, a colaboración co noso esforzo para buscar o mellor deseño e desenvolvemento deses espazos, de xeito que se poida chegar á maior suma de forzas.

Neste marco, o Grupo de Traballo de Apertura manterá contactos cos diferentes axentes que así o soliciten e que formen parte dos diferentes procesos de confluencia, para camiñar cara os obxectivos sinalados.

2 comments

  1. Adiante. Non será doado superar internamente as inercias de funcionamento dos partidos
    Nin socialmente a loita politica coas forzas do bipartidismo que se sentirán ameazadas. Pero pódese e debe facerse.

    Responder
  2. Eso e preciso necesario e oportuno, si queremos cambiar o rumbo da historia, ViVa a clase. Traballadora e a UNIDA POPULAR
    Adiante compañeiros nin hun paso atras

    Responder

Have your say