“Presidente, deputadas, bo día
As deputadas da Marea Atlántica chegamos a este salón de plenos o pasado 16 de xullo. Demos nese momento o noso soporte, por medio dun voto favorable, á investidura dunha presidencia que favorecese un goberno de cambio. Un voto favorable incondicional por unha presidencia de cambio sen contraprestacións, por un goberno de cambio que abrise a fiestra desta institución, que rompese unha lanza pola superación de dinámicas, vicios e políticas que nós entendemos de tempos pasados.
Por desgraza, na negociación deste pleno de organización albiscamos dinámicas que non traen nada de novidade, inercias que veñen de non funcionar no pasado e movementos que foron castigados de forma reiterada en anteriores procesos electorais.
O bipartito que se constitúe na Deputación da Coruña duplica funcións na súa proposta organizativa, do que parece deducirse que non se está a preparar un único goberno.
O bipartito que se constitúe na Deputación da Coruña non tivo sempre un mesmo criterio durante os avances nas negociacións, e adoeceu dunha falta de enfoque global sobre a proposta de organización que lle remitimos, o que tomamos como unha falta de consideración para coa Marea Atlántica.
A Marea pediu a incorporación dun membro de cada grupo da oposición ás Xuntas de Goberno, con voz pero sen voto e cun máximo dunha sesión retribuída ao mes, para facilitar un mellor seguimento da acción gobernamental e dos compromisos asumidos na investidura. Como contrapartida, no proceso de negociación chegouse a falar de dotar de contido político á Xunta de Voceiros, que auditaría a documentación que pasasen a propia Xunta de Goberno e o Pleno. Pero, contra o manifestado durante as conversas previas, o bipartito ignora por completo á oposición na súa proposta organizativa, impedindo o acceso á Xunta de Goberno e baleirando de competencias a Xunta de Voceiros, que fica convertida nunha ferramenta cosmética. A nosa petición non foi atendida.
A Marea Atlántica solicitou que todos os grupos tiveran representación nos órganos colexiados da Deputación. Os mesmos órganos que agora se reparten os membros do bipartito ao 100%. A nosa proposta non foi valorada.
A Marea Atlántica tamén solicitou a inclusión do voto ponderado nas comisións informativas, unha fórmula que garantiría a proporcionalidade e permitiría reducir o número de membros, logrando así un aforro no elevado custo que supoñen as indemnizacións por asistencia. Comunicouse dende a mesa de negociación que este cambio non era legalmente posible. Nós, xa que aínda non se nos facilitaron os informes xurídicos ao respecto, reiteramos a viabilidade de dito sistema de representación e voto, tendo en conta a habilitación normativa da Lei de Administración Local de Galicia. A petición non foi valorada.
A Marea Atlántica propuxo reducir as indemnizacións por asistencia a plenos e comisións informativas, ás que renunciamos as deputadas do noso grupo, xa que nos parecen demasiado elevadas. Propuxemos, ademais, que as comisións de traballo, mesas de contratación ou comisións de valoración non teñan retribución algunha. A petición non foi valorada.
A Marea Atlántica propuxo unha limitación salarial acorde cos tempos que vive a maior parte da poboación. Reducir as retribucións das deputadas, tanto as do goberno como as da oposición, ata os 40.000 euros anuais brutos para o presidente e os 35.000 euros brutos anuais para o resto dos deputados con dedicación exclusiva. Sendo esta unha proposta de máximos, somos conscientes, non recibimos contraproposta de mínimos durante a negociación. A petición foi valorada só por parte da mesa.
Dito isto, tamén quixera mostrar o noso desprezo pola imposición á miña persoa dun salario 16.000 euros superior ao límite que a Marea autoimpón aos seus membros. O nunca visto. Pregúntome se alguén pagaría con cartos do seu peto máis do que lle piden por un servizo. Aviso xa, dende este escano, de que devolverei a parte proporcional de forma directa ao número de conta da Deputación da Coruña.
Por este motivos, e lamentándoo, xa que prestamos apoio á elección da presidencia da Deputación buscando o camiño do cambio, anunciamos o voto en contra dos deputados da Marea Atlántica sobre a proposta de organización da Deputación da Coruña.
A Marea Atlántica non deu un cheque en branco. Dixémolo no primeiro pleno desta lexislatura e reiterámolo neste segundo.
Porén, deixamos un fío de esperanza con respecto a este goberno, sabendo a longa métrica dos catro anos de mandato e abríndonos á vía do cambio baseada no fomento da participación dos grupos da oposición”.
Discurso lido por Daniel Díaz Grandío, voceiro da Marea Atlántica na Deputación da Coruña, no pleno celebrado nesta institución o 4 de agosto de 2015.