Os concelleiros e concelleiras da Marea Atlántica non teñen un ‘choiazo’ no seu labor de goberno, senón unha responsabilidade. Traballarán dende a honestidade e o desexo de servir á cidadanía. Non hai ningunha porta xiratoria agardando por eles
A Marea Atlántica naceu do esforzo da xente común da Coruña, de xente preparada, formada e traballadora, pero moitas veces condenada ao desemprego e á precariedade. Naceu da emerxencia social que vive o 99%. Os concelleiros e concelleiras que forman parte do goberno municipal, que se converteron nas caras visibles da Marea por vontade da cidadanía, non son ningunha excepción, como amosan as declaracións de bens e de IRPF que fixeron públicas onte. Transparencia, sen medo a poñer as cartas sobre a mesa.
En María Pita hai agora un goberno que xorde do precariado, da conxuntura actual. En 2014, so catro edís tiveron ingresos superiores aos 10.000 euros. Quen tiña mellores condicións laborais era Xulio Ferreiro, que cobraba 50.000 euros anuais como profesor de Dereito, e pasa agora a percibir 40.000 na alcaldía. Os resto das representantes da Marea no concello recibirán 35.000 euros brutos ao mes polo seu traballo como edís, tal e como se anunciara dende un principio. O custo para as arcas municipais é menos da metade que o do anterior equipo de goberno.
Non se trata dun ‘choiazo’, nin unha oportunidade de medrar, como parecen querer insinuar algunhas voces interesadas. É unha responsabilidade, serán moitas horas de traballo en favor da cidadanía, para cumprir o programa electoral polo que foron elixidos e elixidas. O xusto é percibir un salario digno a cambio. Igual que o recibe a oposición, que disfruta duns recursos económicos moito máis elevados que nas anteriores lexislaturas. De feito, obter dedicacións foi o principal interese do PP e do PSOE durante as negociacións sobre a organización do concello, e o que bloqueou o acordo nun primeiro momento. Só cando estiveron seguros de cobrar a final de mes aceptaron as propostas de maior transparencia e participación nos organismos municipais.
Os concelleiros e concelleiras da Marea Atlántica son xente normal, exercen dende a honestidade e segundo os principios básicos desta plataforma. Cando deixen o cargo, non haberá ningunha porta xiratoria agardando por eles. Iso pode ser difícil de acreditar por quen por quen vive da corrupción, de cobrar sen traballar, do conto en organismos como consellos consultivos e de administración, de acumular salarios e dietas. Pero éche así.
Porén, non é cuestión de reclamar confianza cega. As palabras terán feitos nos que se apoiar. Como se di no código ético da Marea e nas 25 medidas para os primeiros cen días, as declaracións patrimoniais e de IRPF dos cargos do goberno continuarán a publicarse de xeito anual, sen trampa nin corruptela. O mesmo ocorrerá cos contratos e convenios municipais. Nin hai nin haberá nada que ocultar.