Saltar ao contido

Dende a Comisión de Benestar Social, instamos ao goberno permitir que todas as familias afectadas completen a documentación e  tramitar xa as bolsas concedidas, para evitar máis demoras

Silvia Cameán: “O goberno recoñeceu hoxe que existiron varios casos nos que as bolsas foron denegadas por erros imputables á Administración, agardamos que non se repita”

O grupo municipal da Marea Atlántica celebra que o goberno municipal reaccione por fin á crise das bolsas comedor e o faga seguindo a solución que a concelleira Silvia Cameán propuxo onte e trasladou hoxe á Comisión de Benestar Social. Así, o executivo confirma que abrirá un novo prazo de cinco días hábiles, ata o 24 de outubro, para a subsanación de erros e que, ao contrario do que comunicara ata o momento, ese prazo vai servir tamén para presentar documentación. Porén, é un erro limitalo só a aqueles casos nos que polo de agora se atoparon erros administrativos. Hai 510 familias —segundo os datos actualizados polo goberno— ás que se lles denegou a axuda por falta de documentación, unha cifra inasumible, e todas deberían ter acceso a esta nova oportunidade.

Silvia Cameán, presidenta da Comisión de Benestar Social, sinalou hoxe na sesión deste organismo que a situación, xa de por si grave, empeora porque existen numerosos testemuños de familias que denuncian erros da Administración: “Falamos persoalmente con varias persoas afectadas, que se atoparon con que o Concello lles negou a bolsa comedor por non presentar unha documentación que non lles fora solicitada. E hoxe a concelleira Yoya Neira recoñeceu que existen como mínimo 60 semellantes, pero non hai forma de garantir que non aparezan máis. Por iso sería un erro limitar a subsanación de erros, e unha unha vulneración do principio de igualdade. O goberno debera lembrar que trata con persoas, non con cifras”.

Unha tramitación máis coidadosa

20191015_camean_garcia_xuntanza_ANPAS_MG_6787Ademais de abrir este prazo, “os Servizos Sociais deberán estar pendentes de acompañar ás familias e revisar axeitadamente as solicitudes, para que estes erros non se repitan”, sinalou Cameán. Do mesmo xeito, é necesario atender aos 141 fogares —de novo segundo os datos do goberno— que teñen débedas coa administración, xa que en moitos casos poderían solicitar un aprazamento da débeda, cumprindo así o que esixe a Lei de Subvencións.

Finalmente, Silvia Cameán,  que hoxe mantivo xunto a María García un encontro coa Federación de ANPAS de centros públicos para trasladarlles información, instou ao goberno municipal a resolver xa as bolsas comedor concedidas, para que as familias non teñan que seguir agardando por unha axuda que este ano segue acumulando atrasos, e lembrou que o ano pasado, coas mesma normativa aplicable, concedéronse 441 bolsas comedor máis e publicáronse as listas definitivas a 21 de setembro.

“Agardamos que o goberno escoite e aplique estas solucións, como fixo coa apertura dun novo prazo para alegar e presentar documentacións. Hai centos de familias que teñen dereito á beca comedor, que a precisan para garantir a alimentación das súas fillas e fillos, e quedaron sen ela por trabas administrativas. Para garantir a xustiza social, sempre poden contar sempre con nós”, concluíu a concelleira.

A Marea Atlántica celebra que o goberno abra un novo prazo de subsanación de erros nas bolsas comedor, tal e como lle propuxemos