Este Plan de Choque Social incluiría a ampliación das prestacións sociais, exencións dos impostos locais, creación dunha mesa de diálogo e axuste dos Orzamentos para responder á situación de emerxencia, entre outras propostas
O grupo municipal da Marea Atlántica trasladoulle hoxe ao goberno municipal un paquete de medidas sociais e económicas que o Concello da Coruña pode e debe poñer en marcha para protexer á cidadanía das consecuencias da crise causada pola pandemia do coronavirus COVID-19. É o momento de que as institucións dean un paso adiante para protexer á cidadanía, sen repetir os erros austericidas da Gran Recesión de 2008, que aínda estamos a pagar en forma de desigualdade.
Entre outras propostas, suxerimos ampliar en fondos e requirimentos as prestacións como a Renda Social, bolsas comedor e axudas de emerxencia; exencións nos impostos municipais para familias, pemes e autónomos, creación dunha mesa de diálogo cos axentes sociais e axustes de emerxencia nos Orzamentos, para incorporar o superávit e eliminar o gasto superfluo.
O documento que lle entregamos ao executivo local tamén reclama medidas para os colectivos cuxa situación se agrava durante o confinamento: persoas sen fogar, vítimas da violencia machista maiores e dependentes que viven en soidade. É preciso garantir a súa seguridade e benestar mentres dure a emerxencia sanitaria.
Tamén reclamamos medidas de protección axeitadas para o persoal municipal, sobre todo para as traballadoras do Servizo de Asistencia a Domicilio, e manter os contratos de prestación de servizos e xestión indirecta de instalacións municipais, evitando que as empresas concesionarias executen despidos no seu persoal. A lista completa de medidas pode consultarse aquí.
Mellor información no Concello da Coruña
A nosa voceira, María García, informou das nosas propostas esta mañá, na primeira Xunta de Portavoces celebrada tras a declaración do Estado de Alarma, despois de que a Marea Atlántica lle propuxera o luns ao goberno local que a convocara para trasladar información. Estas xuntanzas manteranse de xeito periódico.
Como se indica no documento que rexistramos hoxe, “o coronavirus non fai diferenza, contaxia por igual a todo o mundo. Pero a crise que se está a derivar da pandemia vese afectada polas desigualdades, e moito. Non todos os fogares dispoñen dos mesmos recursos para soster o confinamento, nin terán os mesmos medios para recuperarse cando a alerta sanitaria remate. Aí é onde as institucións e os servizos públicos teñen que estar á altura”.
Descarga as nosas propostas para un Plan de Choque Social na Coruña