Saltar ao contido

Nun exemplo de cooperación, o Pleno da institución provincial aprobou onte catro convenios que afectan á nosa cidade. Destacan os 1,5 millóns que servirán para crear a Rede Ciclista Metropolitana de 78 quilómetros

Tamén se aprobaron convenios para a creación dun itinerario peonil entre as rúas Mestre Clavé e José Cornide, o financiamento do servizo municipal de canguraxe e a reformadas pistas de atletismo do Campus de Elviña

 

A Deputación Provincial, no seu pleno celebrado o 31 de marzo, aprobou a sinatura de tres convenios co Concello da Coruña e outro coa Universidade da Coruña. En total, representan un investimento de máis de 1,7 millóns de euros na nosa cidade, que chegan na súa maioría a través de proxectos elaborados polo goberno municipal e recoñecidos pola Deputación en concursos abertos. Trátase dun exemplo de colaboración e lealdade institucional entre dúas administracións, que unen esforzos para beneficiar á cidadanía.

O máis destacado destes convenios é o que procura a conexións dos carrís bici existentes na Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros, para crear unha Rede Ciclista Metropolitana. Para o seu desenvolvemento, a Deputación comprométese a destinar 1.490.857,27 euros.

Dentro da cidade da Coruña, permitirá desprazarse por vías ciclables desde a Mariña ata a Ponte da Paxaxe, e conectará con puntos como as praias de Barrañán (Arteixo), Mera (Oleiros) e o entorno natural do embalse de Cecebre. No proxecto recóllese a sinalización, o acondicionamento, as novas estruturas de paso e a construción dos treitos necesarios para xerar unha rede de preto de 78 quilómetros de carrís bici.

 

Accesibilidade na Falperra e financiamento do servizo de canguraxe

Nesta mesma sesión plenaria, tamén se aprobou un convenio para financiar a creación dun itinerario peonil entre as rúas Maestro Clavé e José Cornide, que mellore a accesibilidade do barrio da Falperra e a conexión coa súa contorna. O orzamento dos traballos é de 149.933,28€, dos que a Deputación achega c.

Estas subvencións axudan ao Concello da Coruña a coidar do entorno urbano e aumentar a calidade de vida da maioría social. O proxecto de Maestro Clavé forma parte dun novo xeito de entender o urbanismo, próximo á xente, que aposta por unha accesibilidade real antes que polas fotos electoralistas.

Doutra banda, deuse luz verde a un convenio para para dar apoio ao programa Concilia os teus tempos, o servizo de canguraxe do Concello da Coruña, que recibirá 100.000 euros por parte da institución provincial (o 44,21% do seu custo, que ascendeu en 2016 a 226.200 euros).

Finalmente, a Deputación aceptou un cuarto convenio que afecta a nosa cidade, nesta ocasión pola vía nominativa e asinado coa Universidade da Coruña. O plenario acordou destinar 200.000 euros para a renovación das pistas de atletismo do Campus de Elviña e a mellora da súa accesibilidade, correspondentes ao 41,81% do orzamento total do proxecto.

 

Máis de 160.000 euros para as Axudas a Creadores Locais

A estas iniciativas hai que sumar a sinatura dun convenio para destinar 166.140 euros ao Programa de Axudas a Creadores Locais, dos que a Deputación achega o 80%. O acordo foi referendado hoxe polo alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro; e a vicepresidenta da institución provincial, Goretti San Martín, e procura “o fomento da cultura mediante a realización dun proxecto de creación ou intervención artística que teña como escenario ou temática a cidade ou a súa historia e cultura popular”. O PP, na súa liña de bloqueo, rexeitara este convenio, como xa denunciamos nun comunicado anterior.

A Coruña consegue 1,7 millóns en convenios coa Deputación, cos que desenvolver políticas para maioría social