Saltar ao contido

O 13 de xullo de 2015, o novo goberno municipal da Coruña suspendía a Feira Taurina por razóns de interese público. Foi unha das primeiras medidas do programa electoral da Marea Atlántica en facerse realidade.

Desde que chegou a Marea Atlántica a María Pita, A Coruña é unha cidade libre de maltrato animal. Non se empregan animais na Feira das Marabillas da Cidade Vella, non se autorizan circos con animais e, sobre todo, non se celebran touradas no Coliseum. Foi hai tres anos, un 13 de xullo de 2015, cando o alcalde Xulio Ferreiro anunciou que se suspendía o contrato para a organización da Feira Taurina.

photo_2018-07-15_08-40-10Naquel día, Xulio explicou que o goberno municipal actuaba “en función do interese común”, nunha cidade na que as manifestacións polo benestar animal reunían máis xente que as propias touradas. Tamén argumentou que a anulación do contrato sairía máis barata que soster a Feira Taurina con fondos públicos. E non lle faltaba razón.

As touradas na Coruña custaron máis de 2,2 millóns de euros en cartos públicos

Nos 20 anos que estiveron a celebrarse, as touradas levaron máis de 2,2 millóns de euros das arcas do Concello, sumando o gasto de adaptar o Coliseum, a cesión gratuita da Banda Municipal e as indemnizacións que se chegaron a pagar por baixo aforo. Durante os anos de Paco Vázquez, nunca custou menos de 93.000 euros anuais. No mandato de Carlos Negreira destináronse máis de 400.000 euros a manter a Feira Taurina.

A empresa organizadora negouse a negociar co Concello e levou o asunto aos tribunais. No pasado mes de marzo, unha sentenza deulle a razón ao Concello e negou que as administracións públicas teñan a obriga de financiar o maltrato de touros.

*A foto que encabeza este artigo é de Galiza Mellor Sen Touradas, e corresponde á manifestación celebrada na Coruña en maio de 2014, á que asistiron unhas 4.000 persoas

Tres anos sen touradas na Coruña