Saltar ao contido

Unha crónica do primeiro roteiro polo Camiño do Vixía, a senda na memoria de Monte Alto coa que o goberno municipal quere abrir un novo modelo de mobilidade

 

O pasado sábado, 26 de novembro, integrantes da Marea da Mobilidade participamos no roteiro do Camiño do Vixía, en Monte Alto, xunto con veciñas, concelleiras e persoal municipal. O roteiro estaba organizado polo Concello, enmarcado nun conxunto de actividades participativas co obxectivo final de mellorar a mobilidade neste barrio.

O Camiño do Vixía é a vía de entrada histórica no barrio, discorre buscando a menor pendente posible, e vai do Campo da Leña pola rúa da Torre, Vereda do Polvorín, rúa Marola, ata Rolda de Monte Alto.

A rúa da Torre soporta todo tipo de usos: peonil, ciclista, motorizada, bus, aparcadoiro. É populosa, ruidosa, as beirarrúas son estreitas, o tránsito por elas resulta difícil, desagradable. A mobilidade en cadeira de rodas ou con carro de bebiño, unha odisea.

Foto @Concello da Coruña

O tránsito polo Campo de Marte, tranquilo. É un oasis, case o único no barrio.

A Vereda do Polvorín tamén é multiusos —agás o bus— pero ten menos tráfico e soportamos por tanto menos ruído. As beirarrúas son tamén estreitas e quen teña que utilizar cadeira ou carriño verase en dificultades.

A rúa Marola é un mundo aparte. Estreita, con circulación, aparcadoiro legal e ilegal, e con beirarrúas sucintas polas que malamente transita unha persoa!!

 

O espazo público ao servizo dos coches

Ao longo de todo este camiño constatamos que os pasos de cebra non están situados nos lugares máis lóxicos para o peón, senón ao servizo do tráfico rodado. A maioría do espazo público está reservada para circulación e aparcadoiro de coches privados. Hai tramos nos que a calzada está sobredimensionada para o tráfico que soporta. Tamén hai espazos mortos que son colonizados polos coches coma aparcadoiros. A impresión é que a mellora da mobilidade pasa por eliminar prazas de aparcamento e mesmo por peonalizar algún tramo.

Foto @Concello da Coruña

Se finalmente o Concello propón estas medidas ouviremos voces de protesta, xa aconteceu así na peonalización da Gaiteira, da rúa de Barcelona, de Ángel Senra (nos Mallos): “Onde aparcaremos os nosos coches!?” Pero, que dirían hoxe as veciñas dos barrios citados se lles propuxeran que as rúas peonís volveran ter tráfico? Non temos dúbida da súa contundente negativa. Non renunciarían aos espazos humanizados polos que andan comodamente, onde conviven, nos que xogan os seu pequenos sen medo.

O espazo público non é propiedade das persoas que aparcan aí os seus coches, é de todas as coruñesas. Humanizar vías beneficia en primeiro lugar a quen vive na súa contorna, pero tamén a todas nós, que nos achegamos por motivos laborais, de amizade, ou familiares.

O proceso participativo está en marcha. As próximas actividades serán o 13 e 14 de xaneiro do 2017. Animádevos, especialmente se sodes veciñas de Monte Alto.

Mobilidade en Monte Alto: o Camiño do Vixía