Concello

13177315_288754804799992_6909589314422807737_n

As políticas de xénero, tranversais no Concello da Coruña

A Instrución para a Transversalidade de Xénero, pioneira no Estado, deixa claro que a igualdade e a loita contra a discriminación están presentes en todos os eidos da administración municipal

As políticas de xénero son transversais no Concello da Coruña. E isto non é  un xesto de cara á galería, non é un eslogan. É unha decisión central do goberno, respaldada por unha instrución da alcaldía que foi pioneira no Estado, que se centra en combater a desigualdade, a discriminación e o machismo en todas as áreas do Concello e potenciar e visibilizar o valor das diversidades de xeito que desde as políticas públicas que integren este enfoque se incida sobre a vida das persoas.

A Instrución para a Transversalidade de Xénero, aprobada en Xunta de Goberno Local o día 11 de Marzo, abrangue todas as medidas, informes, e normativas do Concello, xa sexan ordenanzas, instrucións ou regulamentos. Tamén afecta a outros actos administrativos: resolucións, decretos, dilixencias, actos de trámite, notificacións e comunicación coa cidadanía. E, por suposto, reflectirase nos orzamentos municipais, as campañas de comunicación e información e os programas e plans estratéxicos de intervención na cidade e nos seus distritos.

A instrución desenvolvese en base a sete criterios:
1. Comunicación incluínte e non sexista.
2. Recollida de datos e estatísticas da realidade diferenciada de mulleres e homes / diversidades.
3. Promoción da igualdade en contratos, subvencións e convocatorias públicas.
4. Promoción de igualdade en acceso e uso dos servizos municipais.
5. Formación municipal para a igualdade de xénero.
6. Formación municipal en metodoloxías colaborativas e participativas.
7. Informes de impacto de xénero.

13177341_288754811466658_6373715268798785386_n

Xornada de formación para o persoal municipal, no marco da Instrución para a Transversalidade de Xénero. Foto: Concello da Coruña

Ademais, leva aparellada a constitución de dúas comisión que vixiarán a súa implantación e seguimento: unha Comisión Técnica Interdepartamental, encargada da planificación do traballo e a súa distribución nas áreas; e unha Comisión de Seguimento e Avaliación do Impacto de Xénero, que ten carácter político e onde estarán representadas a Alcaldía e as concellerías de Igualdade e Diversidade, Participación e Innovación Democrática, e Facenda e Administración.

Acompañan a todo este proceso os itinerarios de formación interna e o apoio permanente da Unidade de Transversalidade da Concellaría de Igualdade e Diversidade, así como o Observatorio de Igualdade e Diversidade, para que a implantación sexa constante pero sen sobrecargas e, sobre todo para que o funcionariado vaia asumíndoa con agarimo e sensibilidade.

Esta actuación céntrase no trato igualitario, no respecto, en dar voz ás mulleres e aos colectivos minoritarios e minorizados, tras tantos anos de agochalos nun curruncho. E si, defende tamén a linguaxe inclusiva, porque esa invisibilización do feminino dáse tamén nas palabras. Por moito que certos sectores rancios queiran reducilo a un chiste, na “veciñanza” cabemos todas e nos “veciños” deixamos fóra a media cidade, a mesma que leva séculos vivindo á marxe, loitando por ter voz.

A feminización da política, da sociedade e da vida é un dos principios básicos da Marea Atlántica. E #AMareaCumpre

Have your say