Concello

carlinos-brown

As cifras reais do investimento no IMCE (e non só en festas)

O goberno municipal propón en 2017 investir 4,45 millóns de euros na entidade que xestiona os espectaculos da cidade:  Festas, Teatro Rosalía, o Fórum Metropolitano, o Coliseum e o Ágora

O PP adoitaba multiplicar o gasto que anunciaba a comezos de ano. En 2012, 2013 e 2014 estiveron no fío dos 7 millóns de euros, dous millóns máis do orzamentado inicialmente

Hai datos que cómpre poñer en contexto para non crer nos mundos paralelos. Di estes días o Partido Popular que o goberno da Marea Atlántica está a “disparar” o gasto en “festas”. Unha afirmación que amosa, unha vez máis, a complicada relación do Partido Popular coa verdade.

No seu proxecto de orzamentos para 2017, o Goberno da Marea Atlántica propón investir 4,45 millóns de euros no Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE). Este organismo xestiona as festas, si, pero tamén o Teatro Rosalía, o Fórum Metropolitano, o Coliseum e o Centro Ágora.

Este ano, tivo unha achega municipal de 3,82 millóns, á que se sumou case medio millón máis a través de patrocinios (como o de Estrella Galicia no Festival Noroeste). É o investimento necesario para manter a actividade cultural da Coruña, que é unha riqueza en si mesma, pero tamén xera emprego e proxección exterior da cidade, nos termos economicistas que prefire o Partido Popular.

Se miramos só os orzamentos aprobados a comezos de ano, o equipo de Carlos Negreira tiña un gasto lixeiramente superior ao do goberno actual. Pero se temos en conta os datos reais, o gastado a final de ano, cambia o conto. O PP chegou a incrementar as cifras ata nun 47%, sumando máis de dous millóns de euros ao orzamentado inicialmente.

Agora os créditos do IMCE son transparentes. Xusto ao contrario que no pasado mandato, cando o PP, seguindo o seu habitual rigor, empregaba alegremente modificativos de crédito para inchar o orzamento cando lle viña en gana. Pódese ver nestes datos que o PP nunca compartíu. Polo de agora, non houbo un só ano no que o goberno da Marea Atlántica superara o nivel de gasto do mandato anterior.

 

Ano Orzamento inicial do IMCE Orzamento final do IMCE Incremento
2011 5.242.200€ 5.981.439€ 14,10%
2012 4.842.200€ 6.875.932€ 42,00%
2013 5.100.500€ 7.511.534€ 47,27%
2014 5.500.500€ 7.122.688€ 29,49%
2015
4.317.000€ 5.371.527€ 24,43%
2016 4.242.000€ 5.491.569€ 29,46%

 

Así, cos datos na man, pódese ver que o goberno municipal da Marea Atlántica está a facer un esforzo para manter dentro do razoable o investimento do IMCE, sen renunciar á calidade dos espectáculos programados polo Concello, e desterrando os espellismos contables que adoitaba practicar o PP para ocultar o seu gasto real. Outras interpretacións chegan desde mundos paralelos.

Have your say