Saltar ao contido

A Consellería de Medio ambiente consinte e subvenciona prácticas de crueldade animal como a caza de raposos con cans

As reunións de Beatriz Mato con organizacións que promoven a caza son constantes e ben publicitadas pola propia Xunta de Galicia nos medios de comunicación e nas súas redes sociais

Salta a nova sobre os autodenominados “campionatos” de caza de raposos con cans e volven as protestas da cidadanía fronte unha auténtica crueldade cometida coa connivencia, e subsidios, do goberno galego que cada ano asina convenios para fomentar a caza entre a mocidade ou simplemente como método de financiamento complementario da Federación Galega de Caza, un dos grupos de presión que, contando cunha minoría social evidente, é capaz de mobilizar á administración para que avale pseudocompeticións que consisten na masacre da fauna silvestre.

O lobby sabe como mentir: Desde hai anos repiten como mantra a abundancia de raposos, citando cifras dun documento titulado O raposo en Galicia editado polo Observatorio Galego da Caza, que é a súa vez unha invención da Federación Galega de Caza e onde o método científico é literalmente: “Hemos elegido las batidas de caza organizadas y/o supervisadas por la Federación Galega de Caza, como método para estimar la abundancia de zorros”.

Sorpresa! O método para medir o número de raposos son os propios pseudocaompionatos de caza. É dicir, que a propia xustificación está no grupo de presión do momento, capaz de deseñar estudos á medida para defender a pervivencia dunha práctica tan cruenta como innecesaria.

Non é deporte, é crueldade

A caza sistemática e intensiva dos raposos tamén ten un compoñente ambiental nocivo. A pesares de que en 2014 a Convención sobre la conservación de las especies migratorias de animales silvestres (tamén chamada Convenio de Bonn) pedía a prohibición da munición de chumbo, a Xunta de Galicia, presionada por estes grupos procaza, non tomou a día de hoxe ningunha medida, nen lexislativa nen tan sequera informativa.

Dende a Marea Atlántica rexeitamos a continuidade destas competicións que tratan de disfrazar como deporte unha práctica de maltrato e morte dos animais, tamén dos cans explotados nestas batidas e sobre os que os propios cazadores trataron de limitar medidas de protección no trámite parlamentar da nova Lei de Benestar Animal de Galicia, chegando a pedir a súa “segregación” do eido de protección, como se estes animais foran pedras.

O raposo fronte unha conselleira do lobby procaza