A renovación da plataforma cidadá obtivo o respaldo de máis do 80% das persoas que participaron na votación dos novos textos de Primarias, Código Ético, Forma de Goberno, Programa Participativo e Estrutura Interna
Os novos documentos para a organización da Marea Atlántica foron aprobados por máis do 80% das persoas que participaron na votación final da Marea Viva, segundo os resultados provisionais. Pasarán a ser definitivos o 1 de febreiro, unha vez superada a fase de alegacións.
Deste xeito, o proceso de renovación interna da Marea Atlántica conclúe coa actualización da Forma de Goberno, o sistema de Programa Participativo, o Regulamento de Primarias e o Código Ético dos cargos electos, coa vista posta no horizonte 2019. Agora continuará o traballo para facer realidade estes cambios e consolidar a Marea Atlántica como espazo común para as persoas que desexan traballar polo cambio, e como un espazo máis aberto á cidadanía.
Os novos documentos son froito de semanas de traballo e debates, na procura do máximo consenso e da resposta aos desafíos aos que se enfrontan a Marea Atlántica e a cidadanía en 2018, que non son os mesmos que en 2015. Todos entran inmediatamente en vigor, agás o Código Ético, que o fará ao remate do presente mandato.
Nas votacións, que tiveron lugar durante o venres 26 e o sábado 27 de xaneiro, participaron un total de 146 persoas, que escolleron entre os novos documentos presentados polo colectivo Lanzadeira e e manter os que estaban en vigor desde 2015. A continuación, detallamos os resultados.
Código ético
- A favor: 134 (92%)
- En contra: 5 (3%)
- Sen resposta: 7 (5%)
Neste novo documento, regúlanse os agasallos que poden recibir os cargos electos da Marea Atlántica, debendo rexeitar todos os que superen os 50€ e calquera outro privilexio material (este apartado ficara sen regular en 2015). Amplíase, ademais, a formación obrigatoria que deben recibir, tanto en materia de igualdade como noutros eidos relacionados cos principios básicos da nosa plataforma cidadá.
Tamén se establece a posibilidade de ponderar o límite salarial (que permanece fixado en 40.000 euros) en función das cargas familiares e da variación do custo da vida, decisión que en todo caso debe ser referendada pola Rede, a asemblea da Marea Atlántica.
Este código ético entrará en vigor a partir das eleccións municipais de 2019, xa que o anterior tiña unha vixencia de catro anos.
Forma de Goberno
- A favor: 133 (91%)
- En contra: 8 (6%)
- Sen resposta: 5 (3%)
Neste caso, o documento actualiza o funcionamento do grupo municipal da Marea Atlántica para cubrir os ocos detectados nos últimos anos. Clarificase o sistema para decidir posibles pactos de goberno despois das eleccións, que deberán ser sometidos a referendo cun censo igual ao das primarias. Tamén se establece a obriga de participar en procesos de rendición de contas ante a cidadanía e ante a propia organización, e incorpórase a perspectiva metropolitana.
Primarias
- A favor: 120 (82%)
- En contra: 18 (12%)
- Sen resposta: 8 (6%)
O novo regulamento de primarias nace para favorecer o consenso por diante da competición nun espazo de confluencia que xa está maduro. Establécese un sistema proporcional no que as candidaturas deberán presentar listas de 20 persoas, cada unha delas avalada por cinco persoas asinantes do manifesto da Marea Atlántica. O voto realizarase por listas completas, sen votación separada para o cabeza de lista electoral. A negociación de listas para as primarias debe ser transparente e ter vontade integradora, en lugar de responder a intereses de parte e negociacións opacas.
Programa participativo
- A favor: 138 (94%)
- En contra: 6 (4,5%)
- Sen resposta: 2 (1,5%)
Este documento serve para regular a obriga de elaborar o programa electoral da Marea Atlántica de xeito participativo e aberto, contando co conxunto da cidadanía e con persoas expertas nas distintas áreas. O proceso contará con varios encontros públicos e deberá comezar, cando menos, seis meses antes da convocatoria de eleccións.
Estrutura interna
O documento de estrutura interna non foi sometido a votación, por ser o único que se presentou e por non estar confrontado con ningún documento anterior. Responde, ao igual que os anteriores, a un fondo debate interno para detectar as necesidades da Marea Atlántica. O despregue da nova organización comezará nas próximas semanas, cando os novos órganos desenvolvan o seu regulamento e o leven á Rede para que sexa aprobado.
A plataforma cidadá pasa a adoptar unha estrutura máis flexible, baseada en proxectos e obxectivos concretos, na que as áreas xorden cando se detecta unha necesidade e desaparecen cando xa non son precisos. Estes grupos funcionarán de xeito transparente e terán a obriga de render contas ante a Rede.
Ademais, cobran peso os debates e a formación, tanto cara dentro como cara o conxunto da cidadanía, con actividades de participación libre. A nova organización esta pensada para que a conexión coa sociedade sexa máis ampla e forte.
Tamén se renova o papel do grupo de coordinación, que xa existía pero non estaba a ser funcional. Clarifícanse as súas funcións, dótase de unha voceiría paritaria, e tamén o sistema para escollela: un grupo de Proposta, designado pola Rede, escollerá entre 12 e 16 persoas (de xeito paritario) para integrar a nova coordinadora. A Rede deberá aprobar esta designación posteriormente por consenso, cun apoio de máis do 75%.