
Tipo de votación
- A votación nas Primarias Abertas da Marea Atlántica estará dividida entre o primeiro posto, que se vota por separado, e o resto da lista, sendo obrigatorio votar no apartado da lista, permitíndose para o cabeza da candidatura o voto en branco.
- As candidaturas individuais para o primeiro posto da lista aparecerán na pantalla ordenadas de esquerda a dereita en orde aleatoria ou sorteada polo Órgano de Arbitraxe Electoral. As listas abertas que compiten polo resto da lista aparecerán na pantalla presentadas en columnas e ordenadas de esquerda a dereita co mesmo sistema que no caso anterior.
- No acto de votación, cada elector/a deberá de xeito obrigatorio escoller 12 persoas ordenadas do 1 ao 12, respectando a paridade de xénero en cremalleira.
Reservas de postos
- A lista de titulares da candidatura da Marea Atlántica será completada con persoas de consenso que pola súa proxección pública avalen todo o proceso, con este fin serán reservados un máximo de 4 postos ao final da lista.
- No caso de que sexa necesario completar a candidatura, sexan os postos titulares ou suplentes, por consenso na Rede.
Sistemas de votación
- As dúas votacións que se levarán a cabo durante as Primarias da Marea Atlántica irán guiadas por tipos de conteo distintos.
- A votación da cabeza de lista estará regulada polo sistema Borda puro no caso de existir máis dunha candidatura.
- No caso de existir unha soa candidatura a cabeza de lista, só se permitirán dúas opcións: votar o/a candidato/a ou votar en branco.
- No caso de existir dúas ou máis candidaturas para encabezar a lista empregarase o método Borda puro. De acordo con este método, sexan cales sexan as opcións a escoller, o elector ou electora debe emitir tantos votos como opcións haxa ou votar en branco. Os votos son ordenados e obrigatorios, de xeito que a primeira opción escollida —no caso de que haxa tres candidatos/as— suporá 3 puntos, a segunda 2 e a terceira 1.
- A votación á composición da lista estará regulada polo reconto Dowdall.
- O elector ou electora ordenará as súas opcións para a composición da lista, pero neste caso e de xeito obrigatorio do 1º ao 12º. Os puntos outorgados, en lugar de ser consecutivos como no caso anterior serán así: 1 punto, 1/2 punto, 1/3 punto, 1/4 punto, 1/5 punto, 1/6 punto, 1/7 punto, 1/8 punto, 1/9 punto, 1/10 punto, 1/11 punto e 1/12 punto.
- Os votos cuxa composición de xénero non garanta un reparto do 50% entre homes e mulleres en cremalleira non poderán ser emitidos.

Lugares e formas de votación
- Votarase telematicamente a distancia (ver instrucións do voto a distancia) e de maneira privada ou de maneira telemática asistida nun espazo adaptado a tal efecto (ver instrucións de voto presencial en mesa electoral).
- Habilitaranse un ou máis espazos a efectos de colexio electoral, segundo decida o Órgano de Arbitraxe Electoral, nos que se votará a través dun ordenador. Nos devanditos colexios estarán persoas do Grupo de Ferramentas para facilitar a votación e do Órgano de Arbitraxe Electoral para garantir a limpeza do proceso.
- Celebraranse dúas xornadas electorais consecutivas os días 7 e 8 de marzo.
Se tes algunha dúbida escríbea no seguinte formulario: