(Balance do 15/09/2015 ao 31/12/2015)
Gastos
Importe | |
---|---|
Acondicionamento do local (obras, permisos, cadeiras…) | 2.677,78 € |
Alugueiro do local | 3.378,60 € |
Gastos do local (luz, auga, teléfono…) | 172,47 € |
Asalariado | 3.696,27 € |
Gastos de xestoría | 133,10 € |
Acto dos 100 días | 812,02 € |
Acto das Cidades Rebeldes | 7.034,34 € |
Campaña das Municipais 2015 | 266,50 € |
Informática (servidor web e correo) | 143,75 € |
Total | 18.314,83 € |
Ingresos
Importe | |
---|---|
Doazóns da plataforma | 9.579,04 € |
Aportación Grupo Municipal | 9.594,80 € |
Préstamos persoais | 6.520,70 € |
Total | 25.694,54 € |
Dentro do compromiso da Marea Atlántica coa transparencia, compartimos aquí o estado das nosas contas a 31 de decembro de 2015, nun período no que destaca a organización do acto das Cidades Rebeldes, coa presenza na Coruña de representantes dos gobernos municipais de Madrid, Barcelona, Valencia, Zaragoza, Cádiz, Santiago e Ferrol. Á vista quedan para que calquera persoa poida coñecer e valorar a situación económica da nosa plataforma cidadá. Ante todo, as #ContasClaras.
No trimestre que se detalla neste balance, os gastos foron de 18.314,83 euros, fronte a uns ingresos de 25.694,54 euros. O balance positivo de 7.379,71 euros inclúe préstamos particular de 15.020,70 €, e que haberá que devolver durante o ano 2.016. A Marea non recorreu, en ningún momento, a solicitar créditos bancarios.
Alén dese crédito persoal, o resto dos ingresos chegan de dúas fontes. A primeira son doazóns recibidas a través da nosa plataforma dixital, un total de 9.579,04 € achegados voluntariamente por moitas persoas. Compre lembrar que na Marea Atlántica non existen cotas obrigatorias, polo que o importe e a frecuencia da colaboración dependen só da vontade de quen escolla colaborar. Sen a súa valiosa axuda, non poderíamos seguir adiante. Doutra banda, o grupo municipal recibiu 9.594,80 € do Concello como achega económica para os seus gastos de funcionamento.
Polo que respecta aos gastos, destaca o mencionado acto das Cidades Rebeldes, celebrado en Palexco, e que tivo un custo de 7.034,34 €. En segundo lugar, no mes de setembro mudámonos a un novo local na Praza dos Ovos (Praza do Humor), polo que foi necesario investir 2.677,78 € para acondicionalo -aínda que boa parte do traballo fixémolo #coasnosasmans-. O alugueiro deste espazo o trimestre ascendeu a 3.378,60 €, con 172,47 € máis para o pago dos gastos de luz, auga e telefonía.
Neste período tamén se contratou a unha persoa para apoiar o traballo dos cargos electos da Marea Atlántica no Concello e na Deputación, cun custo salarial de 3.696,27 € neste trimestre, e 133,10 € pola xestión da súa contratación. O resto dos gastos corresponden á organización e difusión do acto de rendición de contas polos 100 días do goberno municipal (812,02 €), ao pago do servidor que aloxa a nosa web e servizo de correo electrónico (143,75 €) e a unha factura pendente polo alugueiro dun atril na campaña electoral de maio, que foi sufragada neste trimestre (266,50 €).