O serán do venres 9 de outubro é outra data que sumar á transparencia é á innovación democrática que trouxeron consigo as novas maneiras de gobernar da Marea na Coruña. No paraninfo da UDC as dez concelleiras do goberno coruñés renderon contas da súa xestións e estableceron coas persoas alí presente un coloquio no que agromaron os temas que interesan e preocupan á veciñanza: urbanismo, fiscalidade, mobilidade, asuntos sociais, etc. (vídeo do acto completo)
O 17 de outubro de 2014, nese mesmo lugar, Xulio Ferreiro anunciara que volverían reunirse alí logo das eleccións municipais. E así foi, un ano despois cumpriuse o vaticinio e o equipo de goberno ao completo deu a cara diante da xente e transmitiu moi boas vibracións. Revisáronse as 25 medidas pasados os cen días de goberno coa vista posta no 99% da poboación. É o que chamamos 25cen99.
Leticia Barbadillo, acompañada do terceiro dos seus fillos, fixo unha emotiva presentación do acto, na que lembrou que a Marea naceu da xente e para a xente. A continuación, O alcalde, Xulio Ferreiro, realizou diversas intervencións nas que mostrou a súa ledicia por traballar co seu equipo de goberno, solicitou da cidadanía un labor duplo de control de xestión e de apoio para implementar o programa da Marea. Tamén advertiu das dificultades que algúns sectores poderosos poñen e seguirán poñendo a un novo modelo de entender a xestión do público que cuestiona e rectifica aspectos da vella política.
Todas as concelleiras mostraron a ilusión con que encaran as súas responsabilidades, os atrancos que deben vencer día a día pero tamén a recompensa que lles supón integrarse nun proxecto transversal, anovador e de servizo pleno a ese ben común do 99%.
As 25 medidas de aplicación inmediata están xa no mapa e na axenda política da cidade. En 100 días non se poden cambiar drasticamente as cousas pero esas medidas van configurando un novo modelo de cidade, con prioridades cambiadas, con formas descoñecidas e coa vontade de render contas de erros e acertos, de cousas feitas e de labores por facer.
Resulta curioso comprobar que mesmo os que rexeitan as medidas da Marea son os primeiros en esixiren o seu cumprimento polo que colocan en lugar preferente da súa estratexia poñer atrancos ás tarefas de goberno.
No acto víronse imaxes da historia da Marea desde o acto da Ribeira do Cómaro até a proclamación do actual alcalde pasando polos días da esixente batalla electoral ou a noite que se confirmou que a Coruña tería un goberno da Marea.
O público interveu en varias quendas ás veces para ofrecer apoio ás concelleiras, outras para esixir novas actuacións ou acelerar algunhas pero case sempre para expresar gratitude polo traballo que se estaba facendo e pola ilusión que penetra moitos sectores da cidade.
Quedan moitos centos de días por diante. Non van ser doados. O goberno manterase enérxico na medida en que a cidadanía tamén exprese e renove o seu apoio. Coa forza da xente, afirmou o alcalde, somos imparables, somos imbatibles.
Á conclusión do acto, Xulio Ferreiro comprometeuse a que a Marea Atlántica presente un programa de actuación para o próximo ano e que cando conclúa se poida facer un balance e unha avaliación do seu cumprimento.
Neste acto ficou claro que á veciñanza lle corresponde nesta lexislatura un papel máis activo e máis participativo. A política camiña de abaixo cara arriba e a cidadanía non pode participar só cada catro anos. É preciso empurar. Empurremos. Houbo Marea. Hai Marea. Haberá Marea.