Saltar ao contido

Iago Martínez

Iago Martínez

Vicevoceiro e coordinador político do Grupo Municipal da Marea Atlántica

Remuneración: 35.000€ bruto/ano.

Nado en 1979 e xornalista en excedencia dende que a Marea Atlántica, a construción dunha alternativa política para a maioría social na cidade, se converteu nunha ilusión demasiado esixente. Primeiro como coordinador da campaña electoral nas eleccións municipais de 2015, despois como xefe de gabinete do alcalde Xulio Ferreiro durante catro anos e agora como concelleiro.

Até entón editaba a revista Luzes, que contribuíra a fundar canda Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro, colaboraba cun programa semanal (Disimulen) en Cuac FM, a radio comunitaria da Coruña, e escribía regularmente en Rockdelux. Nesta mesma cidade participei tamén da creación de Galiza Ano Cero, unha canle de televisión en internet, e nun proxecto apaixoante sobre a memoria sonora da Agra do Orzán: Música en Branco.

Entre 2011 e 2012, até o seu desmantelamento, formei parte do equipo de colaboradores da edición galega de El País, e antes dediquei tres anos, de 2008 en diante, ao malogrado Xornal de Galicia no polígono da Grela. Na mochila levaba xa as redaccións de O Miñor, Atlántico Diario, 20 Minutos e Tempos Novos, así como colaboracións en cabeceiras como Mondosonoro ou Caimán, entre outras.

Son autor de “Lois Pereiro. Vida e obra” (Xerais, 2011) e dirixín a medias con Alexandre Cancelo “Contra a morte”, o noso común debut na longametraxe documental. Mentres puiden, formei parte do consello directivo do Sindicato de Xornalistas de Galicia.