Que é a Marea Atlántica?

A organización dun desexo común. É unha iniciativa cidadá para a construción dun espazo político común que permita a confluencia das cidadás non afiliadas a partidos políticos coas cidadás afiliadas a partidos políticos que desexen dar un paso adiante na construción democrática e, con xenerosidade e sen protagonismos, unirse a unha iniciativa na que quen manda é a cidadanía. O punto de partida foi este Manifesto.

 

Que partidos políticos conflúen na Marea Atlántica?

O traballo de confluencia foi posible grazas ao enorme esforzo de construción da cidadanía, á xenerosidade das partes e ao interese de todas por construír este espazo común. Actualmente participan activamente do proceso afiliadas de Anova e Esquerda Unida (AGE), Podemos, Compromiso por Galicia, Equo, Espazo Ecosocialista e Partido Humanista.

 

Preséntase a Marea Atlántica ás municipais de 2015?

Si, a Marea Atlántica presentouse como tal ás eleccións municipais da Coruña do 24 de maio de 2015.
 

Iso quere dicir que os partidos políticos confluentes non se presentan ás municipais?

Efectivamente, non se presentaron como tal ás eleccións municipais, senón que participaron integrados na candidatura da Marea Atlántica.
 

Quen son as candidatas?

As candidatas escolléronse nas Primarias da Marea Atlántica que remataron co voto das mareantas o 7 e 8 de marzo.
 

Hai afiliadas a partidos políticos na lista da Marea Atlántica?

Si, nas primarias participaron tanto afiliadas dos partidos políticos que están integradas na Marea Atlántica como cidadás sen afiliación previa a ningún partido. Non obstante, o cabeza de lista e un número importante das primeiras na lista son non afiliadas. Podes consultar a lista completa no seguinte enlace: Candidatura Marea Atlántica.
 

Que compromisos adquiren as representantes que finalmente son elixidas?

Ademais de asinar o Manifesto de constitución do proceso, deben cumprir o Código Ético e a Forma de Goberno da Marea Atlántica. Deste modo, as representantes póñense ao servizo da cidadanía.
 

Quen elabora o programa electoral?

Na elaboración do programa electoral participou toda a estrutura da Marea Atlántica. O grupo de traballo estivo formado por representantes de cada Marea, dos grupos de traballo de Relato, Comunicación e Mediación e as primeiras 14 persoas da candidatura.
 

É abondo con conquistar María Pita para cambiar a cidade?

Conquistar María Pita significa reapropiarnos das ferramentas necesarias para combater a desigualdade e construír unha cidade e un país distintos. Pero non é abondo. Tamén temos que multiplicar María Pita. Facer que cada praza, cada rúa, cada barrio, sexa María Pita. A marea é a rebelión democrática que vén.
 

Como podo informarme ou resolver dúbidas ao respecto da Marea Atlántica?

Seguindo regularmente a web da Marea Atlántica poderás estar ao día de todo o proceso. Ademais publicamos os diferentes eventos no Facebook e no Twitter. Acudindo ás actividades programadas poderás informarte con máis detalle, tanto polo contido do evento, como pola posibilidade de falar persoalmente con calquera de nós. Se tes algunha dúbida tamén podes dirixirte ao noso correo electrónico: ola[at]mareatlantica.org
 

Como podo participar na Marea Atlántica?

Para participar activamente da Marea Atlántica tes que cubrir o seguinte formulario: Participa. Poñerémonos en contacto contigo para explicarche a estructura interna de funcionamento e as posibilidades que tes de integración, segundo os teus intereses.
 

Se non teño tempo de participar como podo colaborar?

Podes acudir ás actividades programadas e difundir a Marea Atlántica entre as túas amizades e familiares.

Ademáis a marea tamén necesita do teu apoio económico, xa que se financia coas achegas económicas da cidadanía.