Declarar novas áreas deste tipo supón liberalizar os horarios de apertura comercial, incluíndo domingos e festivos, unha medida cun impacto moi negativo nas condicións de traballo e nos pequenos negocios
A Marea Atlántica rexeita a proposta de ampliar a declaración de Zona de Gran Afluencia Turística da Coruña a Monte Alto e o Distrito Picasso, que o goberno local someterá o vindeiro luns ao ditame da Comisión de Promoción Económica, Comercio e Turismo, antes de enviarlle a solicitude formal á Xunta de Galicia, o organismo competente para fixar una ZGAT. A cidade xa conta cunha zona deste tipo, no Obelisco, e ampliala suporía o descontrol dos horarios comerciais, que pasarían a poder abrir en domingos e festivos sen límite.
Como sinala o concelleiro Alberto Lema, “na Marea defendemos un modelo urbano no que o comercio de proximidade sexa protagonista e economicamente viable, o que non resulta compatible coa liberalización dos horarios de apertura que suporía declarar novas zonas de gran afluencia turística”.
Dende logo, o modelo centrado na promoción de grandes áreas comerciais con horarios estendidos ten unha historia con moi malos resultados na Coruña, como proba o ronsel de esqueletos abandonados do que foran grandes superficies anunciadas coma a panacea do emprego. A promoción do turismo debe procurar outras vías de menor impacto, e menos nocivas para o pequeno comercio.
Unha medida que só beneficia ás grandes empresas
Os sindicatos CIG e UXT tamén amosan a súa preocupación, que compartimos, polo impacto negativo que esta medida tería nas condicións laborais do sector comercial. Supón unha modificación substancial dos seus horarios de traballo, que dificulta a conciliación e o descanso, pero que non adoita verse compensada con melloras salariais nin doutro tipo. En resumo, trátase dunha medida que só beneficia ás grandes empresas do sector, e por iso votaremos en contra.