Saltar ao contido

A nosa máis rotunda condena ante o asasinato dun rapaz de 24 anos, na madrugada do 3 de xullo na Coruña, nunha agresión alimentada polo odio

Sumámonos á concentración en repulsa convocada polos movementos sociais, o luns 5 de xullo ás 20h, na Praza de María Pita

Samuel, un mozo de 24 anos, foi brutalmente asasinado na madrugada do 3 de xullo en Riazor, tras recibir unha agresión motivada polo odio. Queremos sumarnos á petición de xustiza que se espalla pola cidade, e agardamos que as persoas responsables sexan identificadas na maior brevidade e non queden impunes.

Sumámonos, ademais, á concentración convocada polos movementos en defensa dos dereitos LGBTIQ, este luns 5 de xullo, ás 20.00h, na Praza de María Pita.

Á falta de coñecer os feitos exactos, todo indica que foi o odio o que motivou este asasinato. Un odio alimentado cada día por discursos da ultradereita e os seus altofalantes, e que se está a notar na cidade da Coruña. Aínda a semana pasada unha parella homosexual sufría unha agresión cunha porra extensible nas rúas de Monte Alto. Un odio contra o que non podemos dar un paso atrás.

A barbarie que levou ao asasinato de Samuel non pode ter cabida nin na Coruña nin en ningures. Loitemos, toda a sociedade unida, para que o que non pode acontecer non volva acontecer nunca. Desde a Marea Atlántica, queremos sumar e loitar cada día por un mundo sen odio.

Xustiza para Samuel