Saltar ao contido

O mércores 15 de outubro tivo lugar unha reunión coa delegación da asociación Fronte Cívica Somos Maioría na Coruña, un colectivo que xa amosara o seu interese en facilitar a creación de procesos cidadáns de confluencia.

O grupo de traballo de Apertura fixo a presentación da Marea Atlántica, falou da súa orixe, os seus obxectivos e a súa organización, e atendeu as preguntas e dúbidas das persoas que acudiron en representación da Fronte Cívica.

Explicouse o funcionamento das mareas e a folla de ruta do proceso, destacando o acto do venres 17 de outubro e a Marea Viva prevista para decembro. Repasáronse as xuntanzas coas formacións políticas, aclarando que o contido das reunións é público e pódese atopar na páxina web, atendendo ao compromiso de transparencia adquirido pola Marea Atlántica.

Pola súa parte, as persoas da Fronte Cívica Somos Maioría explicaron brevemente os obxectivos da súa organización e entregaron un documento coa súa proposta de creación “dun programa cidadán que leve a vontade de participación da maioría social”. Explicaron que procesos como os da Marea Atlántica están na mesma liña do que persegue a Fronte Cívica Somos Maioría e amosaron vontade de colaborar “no que sexa preciso” e poñer ao dispor da Marea Atlántica os recursos que sexan necesarios para que o proxecto teña éxito.

Aclararon que a Fronte Cívica Somos Maioría non é un partido político nin ten obxectivos electorais, e tampouco “pedirá o voto” para ningunha formación política, pero apoiará programas concretos que saian dun proceso de confluencia, como é o caso do proxecto da Marea Atlántica. A Marea Atlántica invitou a que as persoas que forman parte da Fronte Cívica colaboren e participen a título individual no proceso, algo que xa está a acontecer.

Xuntanza coa Fronte Cívica Somos Maioría