O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía mantivo unha xuntanza co reitor, Julio Abalde, a quen lle trasladou a necesidade de “estreitar lazos” e desenvolver “unha verdadeira política municipal en materia científica”
Reiteramos o noso apoio á Cidade das TIC, apostando por convertela nunha espazo con servizos e aberto á veciñanza, non nun polígono industrial illado
Xan Xove, candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña mantivo hoxe un encontro co reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, no que lle trasladou o seu compromiso de impulsar un plan Coruña ConCiencia, en colaboración coa UDC, “para que a nosa cidade teña unha verdadeira política municipal en materia científica”. Na conversa co reitor, Xove trasladou a necesidade de estreitar a colaboración entre o concello e a universidade e “modernizar a aposta que hai 40 anos se fixo cos Museos Científicos”.
“Coruña ConCiencia será un plan para fomentar, desde o Concello, a divulgación, a experimentación, o apoio á investigación, a cultura científica, a ciencia cidadá e a promoción do coñecemento en todas as idades. E queremos desenvolvelo dun xeito participado, contando coa universidade e con todo o ecosistema científico, no seu sentido amplo, desde as humanidades até a intelixencia artificial e a análise de datos. Ao servizo da cidade e do ben común”, explicou Xove ao remate da xuntanza, logo de trasladarllo ao reitor.
Neste sentido, o candidato da Marea Atlántica recoñeceu que hai ámbitos nos que xa se está a avanzar, coma a AESIA, a Cidade das TIC ou a implicación da UDC en retos urbanos clave, coa mobilidade e o porto entre eles. Pero hai que ir máis alá e temos que reforzar estas liñas e avanzar noutras que non se tocaron nos últimos catro anos. “A ciencia, a investigación e o coñecemento foron ferramentas valiosas para facerlle fronte á pandemia, aprendamos desa experiencia para o futuro”, apunta Xove.
Por exemplo, intensificando a colaboración entre a unidade de divulgación científica da universidade e os museos científicos coruñeses. Ou estendendo o labor da Universidade Senior a máis sectores sociais, para fomentar a aprendizaxe ao longo de toda a vida e a formación do espírito crítico da cidadanía. Tamén é precisa a integración da comunidade universitaria na cidade, nunha dobre vertente: producir investigacións e estudos que se centren en retos coma a vivenda, a mobilidade ou a produción de renovables en zonas urbanas; ao tempo que se lle dá visibilidade a este traballo e se apoia o retorno de persoal investigador. Ou na promoción da cultura científica para toda a veciñanza e con toda a veciñanza, en conexión coa arte e a cultura, con maior presenza da divulgación e con iniciativas coma os living labs ou a ciencia cidadá, entre outras propostas.
Unha cidade das TIC, non un polígono industrial illado
Durante a conversa entre Xan Xove e o reitor Julio Abalde, o noso candidato reafirmou o compromiso da Marea Atlántica coa Cidade das TIC, tal e como fixo o alcalde Xulio Ferreiro desde o primeiro momento. Mantemos o noso apoio rotundo ao proxecto tal e como foi concibido: sendo unha parte da cidade e non un gueto. Os polígonos industriais pechados e sen servizos son un modelo que debe quedar no pasado.
“Para a Marea Atlántica, a Cidade das TIC debe combinar as actividades económicas con usos cívicos, de proximidade, e abertos aos barrios próximos como Palavea e Pedralonga, que teñen un enorme déficit neste sentido. Pode e debe ser parte do ecosistema urbano”, explicou Xan Xove.
O Concello debería implicarse e ter un papel de liderado no deseño final do proxecto pero, tristemente, non está a facer. Como non está a asumir a modificación do PXOM necesaria cando do que se trata é de converter un recinto industrial afecto á defensa nacional nun equipamento radicalmente diferente. Só se avanza a golpe de remendos e someténdose aos caprichos e a cobiza do titular dos terreos, o Ministerio de Defensa. Así ocorreu co estudo de detalle aprobado no último Pleno só cos votos do PSOE e o PP.
Alvedro, sen voo a París
Doutra banda, o candidato da Marea Atlántica tamén se referiu á cancelación do voo de Vueling que conectaba A Coruña co aeroporto segundario de París, Orly, mentres mantén a ruta desde Santiago. “Non pode ser que Vueling decida unilateralmente cancelar unha conexión pola que recibe 332.000 euros anuais do Concello, e o goberno local non debería permitirllo. De todos os xeitos, a situación reafirma o que xa anunciamos desde o comezo: que o mapa de rutas que se deseñou neste mandato supuxo un paso atrás para Alvedro”, segundo sinala Xan Xove.