Saltar ao contido

Iago Martínez: “A Coruña pode ser un un porto refuxio para a cultura, un sector que xera milleiros de postos de traballo na nosa cidade e que está a levar un golpe durísimo, sen que o goberno local estea a facer o suficiente”

O vicevoceiro municipal da Marea Atlántica, Iago Martínez, mantivo esta mañá unha xuntanza con Silvia Penide, Marian Ledesma e Carlos Ares, representantes da plataforma Unímonos ou afundimos, formada por traballadoras e traballadores do sector cultural, un dos máis golpeados pola crise e as necesarias medidas sanitarias. No encontro, o concelleiro escoitou as súas reivindicacións e trasladoulles todo o noso apoio.

Tal e como levamos facendo desde o confinamento, na Marea Atlántica reclamamos un Plan de Choque Cultural para axudar a un sector que representa o 3,2% do emprego e o 2% do PIB en Galicia, segundo os datos que manexa a plataforma. “A Coruña pode ser un un porto refuxio para a cultura, un sector que xera milleiros de postos de traballo directos e indirectos na nosa cidade e que está a levar un golpe durísimo, sen que o goberno local faga nada para axudar”, asegurou Iago Martínez.

Na moción que levamos ao Pleno do mes de novembro, e que resultou aprobada, pediamos a creación dun Consello Local da Cultura no que estea representado o sector na súa pluralidade e todos os grupos políticos municipais, para consensuar medidas de apoio. Como adoita facer, o PSOE votou a favor e enterrou o asunto baixo a alfombra. Nesa proposta tamén instabamos ao Parlamento de Galicia a recoñecer a cultura como “ben de primeira necesidade”, algo reclamado desde diversas administracións e colectivos, pero ao que Feijóo non dá resposta.

Uso do espazo público e alternativa ás cancelacións

Entre as propostas de Unímonos ou afundimos atópase a de dar alternativas ás cancelacións de ciclos e programas de actuacións previstos, recoñecendo os gastos nos que incorren as empresas; e o aproveitamento de espazos públicos para programar actuacións ao aire libre, dúas cuestións nas que a Marea Atlántica xa ten insistido.

De igual xeito, solicitan o recoñecemento das salas de concertos como espazos de interese cultural e turístico, e permitir que continúen a desenvolver a súa actividade, adaptada a horarios e medidas sanitarias actuais, tal e como defende a entidade que as agrupa, Clubtura.

O desenvolvemento do Estatuto do Artista, a axilización das axudas e a necesidade de buscar alternativas como as gravacións e as emisións en streaming están tamén na lista de propostas de Unímonos ou Afundimos, que compartimos por completo.

Como sinalou Iago Martínez, “2020 foi un ano practicamente perdido para o sector cultural na cidade, e este 2021 ábrese con incerteza. Desde as institucións temos que contribuír a darlle seguridade a un sector precarizado e fortemente estacional, para que A Coruña e Galicia non perdan a potencia que ten hoxe a súa cultura”.

Por iso, volvemos a instar a Inés Rey, responsable directa das políticas culturais do Concello, a que se poña a traballar. No que vai de mandato non temos unha soa noticia positiva neste ámbito, só vemos pasos atrás, cancelacións inxustificadas e 1,7 millóns en facturas irregulares.

 

Apoiamos as medidas da plataforma ‘Unímonos ou afundimos’ para axudar ao sector cultural fronte á crise