O martes 9 de setembro, tivo lugar unha xuntanza con Espazo Ecosocialista, organización política que xa manifestara previamente a súa vontade de apoiar e sumarse ao proceso de confluencia da Marea Atlántica.
Desde o Grupo de Apertura fíxose, inicialmente, unha breve lectura das chaves do proceso, da situación actual do mesmo e dos desafíos de axenda que temos no curto prazo: validación do proceso mediante sinaturas e posterior Marea Viva.
Pola súa banda, os membros da Coordinadora local -Xacobe Fernandez e Daniel Amor- trasladaron a satisfacción da súa organización por ver xurdir un proceso de base cidadá que, segundo entenden, está nos parámetros do que se “precisaba na cidade”. En consecuencia, reiteraron a sintonía de Espazo Ecosocialista coa proposta de “radicalización democratica” e protagonismo cidadán lanzada pola Marea Atlántica.
Trasladaron, ademais, total dispoñibilidade para integrarse na MA sumando como cidadáns individuais nas diversas Mareas, tanto sectoriais como barriais, que se están a desenvolver nestas semanas. Finalmente, anunciaron a publicación dun documento de apoio explícito ao proceso que a Marea Atlántica está a dinamizar.