Saltar ao contido

Dentro da serie de encontros da Marea Atlántica con agrupacións políticas e sociais, o martes 9 de setembro o grupo de traballo de Apertura tivo a primeira toma de contacto co Bloque Nacionalista Galego. A delegación do BNG representada na xuntanza estivo formada polo Secretario de Organización Bieito Lobeira; o responsable local Raúl Fernández Igrexas; o responsable comarcal Paulo Carballada; o membro da executiva local David Pena e Loli Martínez Castelo, membro do consello local.

A Marea Atlántica aporta unha sintética explicación do acontecido ata agora, subliñando o chamamento a un proceso de inclusión e confluencia con forzas políticas e sociais e a súa consecuencia: a oportunidade, tamén para o BNG, de unirse a un proceso máis amplo, chegando a outras partes da cidadanía. Esta construcción observa dous momentos cume: a cifra de 2.500 sinaturas proposta como sinal de apoio e a celebración do foro da Marea Viva, estandarte final da primeira fase. Dado o obxecto do encontro, o BNG, ademáis de agradecer o convite, plantea as lóxicas dúbidas e cuestións, sen obviar que contemplan con “simpatía a idea dun movemento que xurde coa idea de incidir na axenda política”. Moitos dos interrogantes son agora mesmo de imposible resolución, pola propia natureza e polo estado actual da proposta, pero a conversa permite tratar temas acuciantes e esenciais.

A interpelación sobre a concreción da Marea no plano ideolóxico consinte a apelación ao manifesto como texto con suficientes directrices ou puntos de partida. A formulación derivada de mecanismos de transparencia e control, de democratización, de modo de relación e participación da cidadanía dotaría de sólidos vimbios para unha política futura. Outra das dúbidas pasa polo papel desenvolvido polas organizacións políticas na Marea e a temporalidade da entrada destas (Marea Viva). Co obxectivo dunha candidatura cidadá común fronte ás políticas neoliberais, incídese en que as persoas das agrupacións políticas e sociais poden involucrarse nos Grupos de Traballo e Mareas, á procura entre todos os axentes dunha confluencia ou marco ideolóxico común.

O BNG expresa a preocupación común pola convulsa e crítica situación do país e das súas cidades, a anulación de Galicia como país. Malia que todavía non existe unha proposta de concorrencia totalmente delimitada, a experiencia practicada nas eleccións europeas con Avante Galiza e a creación agora das Asambleas Abertas –ás que convidan a participar- son, nesta liña, as ferramentas de participación. Existen parámetros importantes: a vinculación dos concellos co país, a propia singularidade dos concellos galegos ou a visión nacional.  O BNG toma nota de iniciativas levadas a cabo como a da Marea Atlántica, e aínda que teñen interrogantes, agardan que en breve se poidan respostar. Enténdese que a xuntanza non é unha pura formalidade, o que leva a reflexionar sobre os tempos das organizacións, as feblezas de movementos sociais e forzas organizadas. A Marea como forza municipalista expón a potencialidade de organización: achégase a outro tipo de xente. Estamos ante unha militancia ou participación diferente á tradicional.

O BNG afirma que “unha alternativa electoral non se debe sustentar só no ámbito programático”, require unha aplicación ideolóxica (en temas múltiples: idioma, aborto, emprego,…), e a Marea está en proceso de definición. Ademais, “non podemos disociar a acción política local da nacional e global”, máxime nun momento no que o modelo de estado, a arquitectura constitucional nacional, aparece seriamente cuestionada. O grupo de Apertura da Marea Atlántica cre que “non hai confluencia sen risco”, a incerteza resólvese a través da participación. Hai que entrar nos matices, pero saber crear o marco común. Esa é unha opción de construir un acordo con maioría social. Trátase de non facer o proceso a imaxe e semellanza de ningún dos actores, pero de modo que todos se sintan cómodos. Se actuamos con xenerosidade e altura de miras, a procura de mínimos pode acadarse.

Para o BNG a liberdade e capacidade de decidir son fundamentais e non accesorias no ámbito local. Existe o temor de que a cidadanía vexa que as organizacións políticas e sociais non cumpren. O 2015 enténdese polas dúas partes como un ano clave, coa necesidade de xerar mecanismos tácticos e procesos de participación e acción social real.

Por último, o BNG estima que “sexa cal sexa a decisión tomada” en referencia á Marea o seu posicionamento estará baseado nas ideas nunca “en mercadeos” nin pelexas de poder. Animando á Marea polos avances en política participativa e dende abaixo e contemplando a situación de dependencia do país, considérase que os procesos municipais deben empurrar a Galicia ao lugar que corresponde. O encontro péchase non sen antes expresar a insistencia en seguir en contacto, atender toda dúbida e formulando de novo o convite a participar nas Mareas.

xuntanza co BNG