Saltar ao contido
Grafitti dunha mascariña

O goberno galego non asume as súas responsabilidades, non reforza os servizos médicos e asistenciais, e descarga nos concellos o cumprimento das medidas

María García: “Incrementar as probas PCR non serve de nada sen reforzos noutras áreas como o rastrexo de contaxios. O Instituto de Salud Carlos III sinala que o 73% dos casos de COVID en Galicia teñen unha orixe descoñecida”

 

A Marea Atlántica lamenta que a Xunta de Galicia siga sen reforzar recursos onde son máis necesarios para enfrontar a pandemia, na atención primaria e a asistencia social, e continúe sen asumir as súas responsabilidades en materias tan sensibles como a organización da volta ás aulas ou garantir o cumprimento das medidas sanitarias. Tras a comparecencia de Alberto Núñez Feijóo, queda claro que o goberno do PP segue sen estar á altura. 

“Saudamos como unha boa notica que o número de contaxios na área da Coruña leve tres días en descenso, pero non é momento de relaxarse. Volvemos chamar á responsabilidade e o cumprimento das medidas sanitarias, pero o goberno autonómico non pode desentenderse da parte que lle toca”, asegurou a nosa voceira, María García. 

A única medida real que Feijóo anunciou hoxe é un incremento das probas PCR, necesario, pero completamente insuficiente se non aumentan tamén os recursos para a atención primaria e os servizos sociais, se non se ofrecen alternativas para os centros de día mentres seguen pechados, se non se reforza a asistencia a domicilio e se non se amplía o rastrexo dos contaxios. “A pesar do triunfalismo da Xunta, o Instituto de Salud Carlos III sinala que o 73% dos casos de COVID19 en Galicia teñen unha orixe descoñecida. É gravísimo”, engade María García.

Do mesmo xeito, os sectores máis afectados pola pandemia e as medidas para contela, como a hostalería e a cultura, seguen agardando algún tipo de apoio por parte da Xunta. Feijóo nin sequera se referiu a eles na súa intervención. 

A Xunta abdica das súas competencias en Educación

A nosa portavoz municipal denuncia, unha vez máis, que o goberno galego abdica das súas competencias en Educación e non está a facer nada para garantir un regreso seguro ás aulas. 

“Se Feijóo quere facer obrigatorias as mascarillas nas aulas, pode facelo en lugar de pasarlle a pelota ao Estado. Pode poñer os recursos para que alumnado e profesionais conten con medios de protección. É o responsable único da Educación en Galicia. Só ten que corrixir o seu desastroso protocolo, nesta e noutras áreas como reducir a ratio de alumnado por aula, como lle reclaman desde un primeiro día o profesorado, as ANPAS, os sindicatos e toda a comunidade educativa”, afirmou María García.

Maior impacto do virus nos barrios con menor renda

Finalmente, desde a Marea Atlántica queremos sinalar que os barrios da Coruña máis afectados pola COVID19, segundo os datos da Xunta, son precisamente os que teñen maior densidade de poboación e menor renda per cápita: Os Mallos, Agra do Orzán, Ventorrillo e Sagrada Familia. 

Deste xeito, volve demostrarse que as condicións económicas e habitacionais son decisivas á hora de conter os contaxios do virus. E por iso resulta fundamental que as institucións públicas lle tendan unha man aos fogares con menos recursos. A riqueza persoal non pode ser o único salvavidas da cidadanía fronte á pandemia.

A Marea Atlántica denuncia que Feijóo segue sen aumentar os recursos sanitarios e asistenciais da Xunta para conter a pandemia