Saltar ao contido

O órgano considera que o acto de presentación foi innecesario e “quebranta os principios de neutralidade política dos poderes públicos no período electoral” 

Desde a Marea Atlántica, preguntaremos ao goberno polo custo deste acto e esiximos que retire toda a propaganda dos medios oficiais do Concello. Non reprobamos o proxecto, pero si o uso da institución para a campaña do PSOE

A Xunta Electoral de Zona reprobou hoxe ao goberno municipal da Coruña por ter presentado o proxecto de remodelación dos Cantóns nun acto propagandístico  en pleno período de sombra das eleccións autonómicas do 12X, nun acto “electoralista” e “tendente á captación do voto protagonizado por un poder público”.

Tomando en consideración a denuncia da Marea Atlántica, a Xunta Electoral considera que esta presentación dun proxecto ben distante aínda no futuro “quebranta os principios de neutralidade política dos poderes públicos durante o período electoral e de igualdade entre candidaturas”. Por todo isto, a XEZ insta á alcaldesa a que “se absteña deste tipo de actos no sucesivo” e a dar publicidade a esta sanción nos medios de comunicación.

Desde a Marea Atlántica lamentamos este uso propagandístico do Concello, empregado como unha ferramenta na campaña do PSOE, e preguntaremos ao goberno municipal polo custo do acto reprobado pola Xunta Electoral. Tamén esiximos a retirada de toda a a información propagandística dos medios oficiais do Concello.

Non discutimos a pertinencia do proxecto, que vai na boa liña de gañar espazo á mobilidade a pé e ao transporte público, reducindo a presenza do vehículo privado, pero si reprobamos o uso partidista das institucións. Instamos, igualmente, ao equipo de Inés Rey a poñer menos esforzo na propaganda e as fotos no centro da cidade, e máis en desenvolver proxectos para os barrios e impulsar os acordos que permitiron a investidura da alcaldesa, incumpridos nun 75%.

Para a XEZ, “non se advirte a imperiosa necesidade de difundir e publicitar en pleno proceso electoral” o proxecto para os Cantóns, “podendo postergarse a súa presentación sen que padeza o interese público, cando ademais non é unha obra de inminente execución”, xa que está prevista para 2023. Engade, ademais, que “non é admisible a presentación e difusión da iniciativa nunhas circunstancias que son claramente reveladoras da intención de recabar sufraxios”.

Finalmente, a Xunta Electoral de Zona lembra que existe unha “prohibición expresa de actos de inauguración de obras e presentación de proxectos” por ser entendidos como “instrumentos de captación de votos”. A resolución non deixa lugar a dúbidas.

Resolución da Xunta Electoral de Zona

A Xunta Electoral reproba ao goberno municipal pola presentación “electoralista” dos Cantóns