Saltar ao contido

Non se entende que despois de dous anos nos que o goberno local foi incapaz facer valer os dereitos da cidade diante da compañía, agora non se apliquen as penalizacións do contrato

Malia a nosa solicitude, o cese da xerencia excluíuse da orde do día da Xunta de Goberno.

A nova convocatoria para cubrir o posto de xerencia, completamente improvisada, non facilita a concorrencia e só recibiu 3 candidaturas fronte ás 35 que se valoraron no 2016

A Marea Atlántica votou hoxe en contra da resolución amigable do contrato coa compañía aérea Vueling no que respecta á eliminación do voo a Londres, na xunta de goberno do Consorcio de Turismo celebrada esta mañá.

“Resulta intolerable que despois de dous anos nos que o goberno local amosou un desleixo abraiante e a incapacidade de facer valer os dereitos da cidadanía ante a compañía, resolvan sen ningún tipo de penalización o contrato. É por isto que votamos en contra.” expón Alberto Lema.

Como xa sinalamos, cando a aeroliña Vueling anunciaba o mes pasado que abría outro enlace con Londres dende Lavacolla: “A perda da conexión con Heathrow, hai xa máis dun ano, deixou á Coruña sen un voo moi importante alén do turismo, tamén para as viaxes de negocios, xa que era o enlace máis directo con boa parte do mundo” lembra o membro do Consorcio de Turismo, que remata, “Tendo en conta isto, que sentido ten poñer os intereses da compañía por riba dos da cidadanía?”

 

Un novo xesto pouco democrático

Tal e como denunciamos onte, o recente cese de Lanzada Calatayud como xerenta do Consorcio de Turismo da Coruña, non foi incluído para votación na orde do día. 

Segundo Alberto Lema, “A exclusión na orde do día deste asunto é preocupante porque afonda nunha decisión unilateral, repentina sen moito sentido e, non traela a votación hoxe á Xunta de Goberno supón ademais, un novo xesto moi pouco democrático”.

En 2016, o goberno da Marea Atlántica encargouse da renovación da  xerencia do Consorcio de Turismo, cun concurso público no que se presentaron 35 candidaturas, valoradas por méritos e cun tribunal no que non había presenza de cargos políticos e si do sector turístico, e do que resultou seleccionada Lanzada Calatayud. Seguindo o procedemento,  o seu nomeamento ratificouse coa votación da Xunta do Goberno. Neste momento, estamos ante unha nova convocatoria, completamente improvisada,  que non facilita a concorrencia e á que só se presentaron 3 candidaturas.

Votamos en contra da resolución amigable do contrato de Vueling na Xunta de Goberno do Consorcio de Turismo