Saltar ao contido

Xulio Ferreiro responde cada día dez preguntas formuladas pola cidadanía mentres “Negreira cala sobre cuestións fundamentais como o colapso das urxencias hospitalarias na Coruña”

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña utiliza a súa canle na aplicación Ask.fm en internet para responder as preguntas que lle traslada a xente sobre calquera cuestión relacionada coa cidade ou a candidatura que encabeza.

Xulio Ferreiro, candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, abriu hai seis días unha canle na aplicación Ask.fm en internet na que responde as preguntas directas da cidadanía. Até este luns ao mediodía —en constante actualización, na medida que o permite o tempo— respondeu 63 cuestións das 79 que se lle formularon, e as demais serán atendidas á maior brevidade posible. Estas cifras sinalan unha media de máis de 10 preguntas contestadas ao día. “Demostramos con feitos a nosa defensa da transparencia e non temos ningún problema en atender as dúbidas e as demandas da cidadanía de forma directa e sen as coirazas que utilizan outras forzas políticas”, indica Ferreiro. “Aquí a única barreira é a dispoñibilidade de horas, pero na Marea intentamos sacar tempo de onde sexa para dialogar, responder e escoitar á xente, na rede e tamén na rúa. A democracia constrúese minuto a minuto, non só cada catro anos”, engade.

Entre os múltiples asuntos que tratou Xulio Ferreiro na súa canle dixital de diálogo coa cidadanía (www.ask.fm/xulioferreiro) están o aeroporto de Alvedro (“Debe formar parte dun plan do sistema aeroportuario de Galicia”); as galerías de Adormideras (“O Concello debe acometer unha reforma das galerías, renovándoas, mellorando o equipamento e integrándoas na rede de mercados municipais”); participación popular na toma de decisións (“Unha das 25 primeiras medidas da Marea será a reforma radical do Regulamento de Participación Cidadá, para dar canles de participación efectiva aos movementos sociais no goberno da cidade”); a externalización de servizos municipais (“Problemas de corrupción derivan da xestión privada dos servizos públicos, que lonxe de facelos máis baratos ou eficaces, convértenos nunha pesada lousa para todos os cidadáns (…) e aí é onde morde a mafia”); política social (“Vai ser unha das prioridades se a Marea Atlántica chega ao goberno. Esa prioridade non será simplemente retórica, senón que se verá no momento de confeccionar os orzamentos e a relación de postos de traballo do Concello, asignando cartos e persoal alí onde se precise”); a canceira municipal (“Revisar a súa concesión e avanzar cara a un modelo sostible de sacrificio cero”) e mesmo a xestión da directiva do Deportivo, do que é socio dende hai moitos anos (“Vexo cousas positivas e outras que non o son tanto”).

Ferreiro contrasta a súa disposición a contestar preguntas “co silencio que o señor Negreira mantén sobre cuestións fundamentais para a cidade, como os constantes colapsos nas Urxencias do CHUAC, onde doentes pasan horas de espera polos corredores”, sinalou o candidato á alcaldía da Marea Atlántica, que criticou que este luns, en coincidencia coa visita ao centro hospitalario da conselleira de Sanidade, “o señor Negreira desaproveite outra oportunidade para situarse claramente do lado das persoas máis vulnerables que sofren os recortes, así como do persoal afectado, e opte por calar e polo tanto avalar as políticas da Xunta, evidenciando que para el é prioritaria a lealdade ao PP e non a lealdade coa cidadanía da Coruña”.

#XulioAtende