Saltar ao contido

O alcalde da Coruña lamentou que o rei Felipe VI “esquecese o papel de árbitro que se lle supón” e alentase o autoritarismo do Partido Popular

 

Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña, asegurou hoxe nunha entrevista radiofónica que bota en falta “voces que poñan calma e cordura na situación de Catalunya”, xa que “a política ten que estar para resolver problemas e non para provocar incendios”. “Preocúpame que haxa tan pouca xente que pareza estar a pensar en solucións”, engadiu.

Para o primeiro edil, o discurso que o rei Felipe VI pronunciou onte non axudou a calmar o conflito, senón ao contrario. “Agardaba que o rei puxese cordura e tivese algo de empatía con toda a xente que saiu á rúa en Catalunya e coas persoas feridas. Pero non foi así. Aliñouse claramente coa postura autoritaria, e esqueceulle exercer o papel de árbitro que se lle supón. Alentar o autoritarismo do Partido Popular é perigoso”.

“O 1 de outubro vimos 2,5 millóns de persoas na rúa pedindo votar. E a resposta do Goberno do Partido Popular foi violenta e autoritaria, deixando centos de persoas feridas na rúa e colocando nunha situación moi complicada á Fiscalía, ao Poder Xudicial e ás Forzas e Corpos de Seguridade”, lembrou Ferreiro. Neste contexto, o alcalde reclamou que “alguén debería pensar en sentar a dialogar para buscar unha saída que, desde o meu punto de vista, pasa pola celebración dun referendo pactado e con todas as garantías”.

 

Nin DUI, nin artigo 155

Segundo Xulio Ferreiro, a Declaración Unilateral de Independencia non é unha solución, porque “supón arrastrar ao 60% das persoas con dereito a voto, que non participaron no 1-O e non expresaron a súa opinión. Antes de nada, habería que escoitar a ese 60%”.

Pero moito menos resolvería o problema a postura contraria, a de aplicar o artigo 155 da Constitución e suspender a autonomía de Catalunya, pois “sería elevar aínda máis o nivel de tensión e seguir a forzar o choque de trens”.

 

Pídelle “respecto” a Beatriz Mato

Nesta mesma entrevista, Xulio Ferreiro respondeu ás acusacións da presidenta local do PP e conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato, que o acusou de “arrastrar ao independentismo” á cidade da Coruña. O alcalde pediulle a Mato “un pouco de respecto pola cidadanía da Coruña, para non insultar a súa intelixencia; un pouco de respecto polo seu posto de traballo, xa que na súa xornada laboral como conselleira se dedica a dar roldas de prensa para falar mal da cidade; e un pouco de respecto polos representantes municipais do seu partido, aos que nin sequera deixa saír na foto”.

E tamén lle recomendou que “se centre máis no seu traballo como conselleira, desde o que si pode axudar á Coruña, en lugar de prexudicala”, en referencia a proxectos como a planta de residuos industriais de Santa Icía, o convenio con Ecoembes que fai que a cidade perda 100.000 euros ao mes pola reciclaxe de envases, ou a posta en marcha da conexión da lagoa de Meirama co embalse de Cecebre, “que só se reactivou estes días grazas ao interese de Emalcsa”.

Se queres, podes escoitar a entrevista completa nesta ligazón.

Xulio Ferreiro: “Boto en falta voces que poñan calma e cordura na situación de Catalunya”