Novas da Marea

20190328_SGR_marea_rede_G88B8834

Xulio Ferreiro incorpórase á Coordinadora da Marea Atlántica

A Coordinadora decide por unanimidade a incorporación de Xulio Ferreiro e trasládalle o seu agradecemento por seguir a traballar no seo da organización

O día 6 de xuño convocarase unha Rede para decidir a postura da Marea Atlántica na sesión de investidura, primeiro paso dun proceso de reflexión profundo e aberto que se desenvolverá nos vindeiros meses

A Coordinadora da Marea Atlántica decidiu onte, por unanimidade, incorporar a Xulio Ferreiro como membro deste órgano, despois de que o alcalde da Coruña en funcións anunciara a súa decisión de renunciar á súa acta de concelleiro no mandato que agora comeza.

A Marea Atlántica, a través da súa Coordinadora, apoia a decisión de Xulio Ferreiro de abandonar a primeira liña institucional e agradécelle que sexa un paso a un lado e non unha despedida, xa que seguirá a colaborar coa organización e a traballar para o proxecto político. Como alcalde, Xulio gobernou para as maiorías sociais e puxo a cara e o corpo para orientar as políticas do Concello da Coruña cara ao ben común. E fíxoo pagando a miúdo un alto prezo no persoal, nun mandato difícil e moi esixente.

O seu goberno deixa unha cidade mellor do que era hai catro anos, sen dúbida. E fíxoo sen deixar nunca de participar na Marea como un compañeiro máis, un papel que aínda conserva. O anuncio da súa marcha foi onte unha lección de altura política e humana. Por todo isto, a Coordinadora trasládalle publicamente o seu agradecemento e a súa admiración. Simplemente, Xulio, grazas por todo e por tanto.

Primeira valoración dos resultados electorais

A Coordinadora realizou onte, ademais, unha primeira valoración dos resultados electorais do 26 de maio, que non foron bos. Perdeuse unha parte importante da confianza depositada no proxecto da Marea Atlántica en 2015, e con ela a oportunidade de consolidar o traballo dun goberno municipal que puxo sempre ás persoas no centro e que tiña un modelo de cidade máis social, feminista, sostible e xusta.

A cidadanía escolleu darlle o seu apoio a unha maioría de progreso na Coruña, pero tamén escolleu que esa maioría non estivese liderada pola Marea Atlántica. Aínda así, recibimos o apoio de máis de 25.000 persoas, o que nos sitúa coma unha forza política clave na gobernabilidade da Coruña para os vindeiros catro anos. Nestas circunstancias, asumimos a obriga de seguir a traballar dentro e fóra do Concello para que a cidade manteña o rumbo de avance que mantivo nos catro anos anteriores.

Suban ou baixen, as mareas nunca paran. E a pesar dos resultados, a campaña serviu para mobilizar e sumar á Marea Atlántica o apoio xeneroso e desinteresado de ducias de persoas, que continúan a traballar estes días na retirada de carteis electorais das rúas, noutro compromiso que cumprimos. A todas estas persoas trasladámoslles tamén o noso agradecemento e o noso desexo de que continúen a sumar.

Inicio dun proceso colectivo de reflexión

Como non pode ser doutro xeito, tomamos nota da mensaxe que a cidadanía expresou a través das urnas, e desde hoxe iniciamos un proceso de reflexión e debate que será profundo e aberto. Un proceso ao que nos gustaría convidar a esas 25.000 persoas que votaron pola Marea Atlántica o domingo, pero tamén ás 11.000 que non o fixeron desta vez.

Esta reflexión estará relacionada co balance do mandato e cos resultados electorais, e co noso vindeiro papel dentro e fóra do Concello. Pero irá máis alá, para analizar o ciclo político global que estamos a vivir, o desafío das vindeiras eleccións autonómicas e a situación na que fica o proxecto municipalista en todo o Estado despois das eleccións do 26M. A meta, en resumo, é ir máis alá dos retos inmediatos.

O primeiro paso darase o vindeiro xoves, 6 de xuño, cando se convocará unha Rede para decidir a posición do grupo municipal da Marea Atlántica na sesión de investidura.

Have your say