Claudia Delso: “Temos que camiñar cara a un modelo único nos equipamentos deportivos, e o da xestión pública é o máis eficiente”
A concelleira Claudia Delso, representante da Marea Atlántica na Comisión Municipal de Deportes, reivindicou hoxe neste órgano a necesidade de que os polideportivos de San Diego e o Castrillón pasen a ter unha xestión municipal directa en lugar de estar en mans de empresas privadas. “Temos que camiñar cara a un modelo único de xestión dos equipamentos deportivos, e o máis eficiente é sempre o da xestión pública directa: aforra custos e garante un mellor servizo e un emprego de calidade”, explicou Delso.
Deste xeito, a concelleira pediulle ao goberno municipal que opte pola xestión directa cando rematen as obras do polideportivo do Castrillón, xa deseñadas no mandato anterior e recentemente aprobadas no Consello de Administración de Emvsa (segundo o acordado no pacto á coruñesa entre a Marea e o PSOE). O mesmo debería facerse nas instalacións de San Diego, actualmente en mans dunha empresa privada, pero cuxa concesión renovarase no mes de maio. Por iso, na Comisión de Deportes, Delso insistiu en estudar a xestión a través da empresa municipal EMVSA.
“Non ten sentido que uns equipamentos deportivos estean en mans do Concello, e outros nas de empresas privadas”, argumenta Claudia Delso. “Temos que aproveitar esta oportunidade para consolidar un modelo público, unificar servizos e mesmo abrir outras posibilidades, como un carné único para empregar todas as instalacións municipais nas que practicar deporte, similar ao que xa existe coas bibliotecas”.
E o equipamento de Elviña é municipal? Porque tamén está xestionado por unha empresa privada.
A min tampouco me parece normal. Prezos variables, falta de oportunidades para quen non ten cartos, obriga de pagar ao mes… A de Riazor ten un abonamento para uso soamente da piscina que ten un prezo máis razoable. Ademais é cuestión de equidade e saúde.
Bo día, Sara.
As instalacións de Elviña son da Xunta, que as ten en man dunha empresa privada para a xestión diaria, co resultado dun servizo máis caro para a cidadanía e peores condicións laborais para a plantilla.
Por iso nós sempre defendemos a xestión pública directa.
Feijóo chegou a prometerlle a Xulio Ferreiro que trasladaría a o concello este equipamento, o da Sardiñeira e o da Agra. Seguimos agardando.