A Marea Atlántica aposta “pola xestión directa da ORA e a grúa desistindo do actual concurso ata que o novo Pleno tome unha decisión, o máis rápida posible”
O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, critica tamén que a concesión da ORA “signifique unha privatización de cuestións tan sensibles como as denuncias de sancións de tráfico ”
O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, volveu pedir a paralización do actual concurso de concesión do servizo da ORA e grúa coa intención de apostar “pola xestión directa do servizo desde o Concello”. “A concesión remata en maio, polo que non é procedente que, como está a pasar, se volva adxudicar o servizo antes dunhas eleccións municipais que poden representar un gran cambio no Concello da man da Marea. O democrático sería que o novo Pleno da Corporación decidise a forma de xestión do servizo da ORA e da Grúa, xa que ten esa competencia”, indica o cabeza de lista da plataforma cidadá. Ferreiro lembra ao respecto que “o Concello pode desistir do procedemento ata que non se resolva a adxudicación definitiva, sen mais compensación económica que unha moi cativa cantidade, a dos gastos de participación no concurso, pero co beneficio para o Concello da xestión dun servizo público. A proposta da Marea, de prórroga forzosa temporal do presente contrato ata que o Pleno decida e poida asumir a xestión directa do servizo, é a procedente legalmente e sería polo menor prazo posible, posto que Vendex non pode seguir co servizo nin un minuto máis do necesario, como xa dixen máis dunha ocasión”, apuntou Ferreiro, que así deixou claro que a ampliación do contrato actual “sería curta, case simbólica” polo que non reportaría apenas beneficios á empresa que está na cerna da Pokémon, en contra do que teñen asegurado, en flagrante mentira, tanto o PP do señor Negreira como a súa contorna, que precisamente si que están a ser investigadas pola Pokémon e os enchufes en Vendex.
“A Marea aposta pola xestión directa da ORA e da grúa desde o Concello, pero ademais rexeita que o contrato de concesión dese servizo privatice funcións públicas moi sensibles, posto que no novo contrato o labor dos vixiantes da ORA esténdese á función de denuncia de infraccións referidas a tráfico e seguridade viaria, control das zonas de carga e descarga, paradas de bus e taxis, o que parece pensado para restar competencias ou recortar na policía municipal e deixar en mans privadas unha cuestión de indubidable interese público”, engadiu Ferreiro.