Se hai que buscar tres palabras para entender o legado da escritora Xela Arias (1962-2003), protagonista do Día das Letras Galegas de 2021, serían transgresión, liberdade e compromiso.
O compromiso deixouno moi claro nos negros días do Prestige e o #NuncaMáis, na súa militancia feminista ou na súa oposición á guerra de Irak.
A liberdade foi unha bandeira e un norte que a acompañou todos os seus días.
E a transgresión é unha das claves para comprender a súa obra poética, que rachou tópicos e barreiras para traer a palabra poética ao centro das nosas vidas.
Como Manuel Antonio, como Lois Pereiro, Xela pertence a unha galla rebelde e modernizadora das nosas letras. Foi unha pioneira na edición, na tradución e no diálogo da literatura coa música e a fotografía.
Nestes tempos nos que se baleira o contido de moitos termos, convidamos a (re)ler a Xela Arias, porque sen agochar o conflito e a derrota sempre nos convida a conquistar o futuro con paixón. Por iso segue estando en nós.