Saltar ao contido

Esta segunda convocatoria da Xanela seleccionou iniciativas de apoio a colectivos vulnerables como as refuxiadas, mocidade trans, migrantes e persoas con trastornos do espectro autista, desenvolvidas por ONG e entidades da cidade

María García: “Nós non nos subimos o soldo, poñemos recursos ao servizo do tecido asociativo e da xustiza social, nun momento no que son moi necesarios. Non somos todas iguais”

As voceiras do Grupo Municipal da Marea Atlántica, María García, e da Coordinadora da organización, Diego Jiménez, presentaron hoxe os resultados da segunda edición da Xanela de Proxectos, unha convocatoria que emprega os excedentes do salario dos nosos cargos públicos para financiar iniciativas sociais e culturais na Coruña. Este ano repartiu un total de 11.200 euros entre seis proxectos impulsados por organizacións sen ánimo de lucro na Coruña.

Estas son as seis propostas seleccionadas:

 

  1. Elna Maternity Corps, da ONG AIRE en colaboración con outras entidades internacionaisApoiamos un traballo que xa está en marcha, un centro de acollida para mulleres refuxiadas embarazadas ou con bebés lactantes, que conta cun cento de prazas na cidade de Atenas. Unha excelente iniciativa polos dereitos humanos e, en concreto, polo dereito ao refuxio, que ten a súa orixe na Coruña.
  2. Coruña Vivensa, da ONGD Sen Valos, unha das máis recentes da Coruña. Centran o seu traballo na inclusión social das persoas migrantes, a través de tres eixos: acceso ao emprego, axuda na solicitude de prestacións sociais, e participación en todas as esferas da vida na nosa cidade, desde o respecto á súa cultura. 
  3. Libres na Casa, de Arelas, a Asociación de familias de Menores Trans de Galiza. Este proxecto é unha man tendida á mocidade trans da Coruña, polo seu empoderamento, pola loita contra o odio e a discriminación, e pola súa inserción sociolaboral. 
  4. Traballo de pares con persoas estranxeiras, de CASCO, ofrece servizos especializados para migrantes en situación de rúa. Súmase ao programa de calor que mantén esta ONG, que xa está a dar bos resultados, e que agora poderá contar co apoio dunha persoa especializada no trato con migrantes. CASCO xa obtivo financiamento o ano pasado, e agora repite. 
  5. Burbullas, de Asperga, a Asociación Galega de Asperger. Un proxecto para mellorar a inclusión de persoas con trastornos do espectro autista na comunidade, a traves de actividades de lecer normalizadas. 
  6. Repensando o noso hábitat a través de todas as olladas, da cooperativa Aventeira. Un proceso participativo para estudar a situación do barrio máis densamente poboado da Coruña (e un dos máis poboados de Europa): a Agra do Orzán e a súa contorna. A través das vivencias da veciñanza, ofrecerase unha revisión transformadora do hábitat urbano.

Todos estes proxectos levan a máxima axuda posible na Xanela, 2.000 euros, agás Burbullas, para o que Asperga solicitou que solicitou 1.200 para poñerse en marcha. Polo tanto, este ano investimos 11.200 euros en financiar e potenciar o traballo do tecido asociativo na Coruña.

 

Un compromiso coa cidade

Como explicou María García, “mantemos un ano máis o noso compromiso coa cidade. Os cargos públicos da Marea Atlántica temos un límite salarial de 35.000 euros anuais, dentro do límite de 40.000 que marca o noso Código Ético. E en lugar de subirnos o soldo, poñemos o excedente ao servizo do tecido asociativo da Coruña e da xustiza social, nun momento no que todos os recurso son necesarios para afrontar a crise tras a pandemia. Non somos todas iguais”. 

Con ese excedente salarial finánciase esta Xanela de Proxectos, que se repetirá en 2021, e a Oficina dos Dereitos, que leva ano e medio funcionando e que asesora ás persoas en situación de vulnerabilidade na súa relación coa administración, na solicitude de axudas e na defensa do seus dereitos. 

Pola súa banda, Diego Jiménez lembrou que o obxectivo último da Xanela de Proxectos é “contribuír a unha cidade máis próxima, solidaria e aberta, á innovación e á xustiza social e a fortalecer o tecido social da Coruña. 

Dez iniciativas presentáronse á convocatoria

En total, presentáronse 10 iniciativas, que foron valoradas polo Comité Avaliador, composto por tres persoas, representantes da Coordinadora, o Grupo Municipal e o Grupo de Dinamización da Marea Atlántica. A escolla definitiva dos seis proxectos foi  realizada pola Rede, a asemblea na que participan todas as persoas activas na Marea Atlántica. 

Os criterios de selección priorizaron as iniciativas baseadas na igualdade e o feminismo, a integración social e a dinamización comunitaria, a saúde, os coidados, os dereitos civís, o consumo responsable, a cultura e o ecoloxismo. E, por suposto, sen esquecer a respostas directas á situación de pandemia na que nos atopamos.

 

A Marea Atlántica asinará nos vindeiros días un convenio con cada unha das entidades beneficiadas, que terá un prazo de seis meses para completar o seu proxecto a partir da data da sinatura. Esta Xanela de Proxectos, mostra de que o noso compromiso coa Coruña segue a ser firme, volverá repetirse o ano que vén, nunha terceira edición.

 

A Xanela de Proxectos da Marea Atlántica financia seis iniciativas sociais desde a Coruña con case 12.000 euros, co salario dos nosos cargos públicos