Saltar ao contido

Neste Día das Letras Galegas, o candidato da Marea Atlántica participou no almorzo informativo da Asociación da Prensa e apostou por unha política estable para o fomento da cultura, non nun bono dun par de meses que beneficia a quen máis corre

“Unha das primeiras cousas que farei desde o goberno local será recuperar a Concellería de Cultura e o diálogo co sector, tras catro anos perdidos. Iso é escoller A Coruña”, afirma Xove

Xan Xove, candidato da Marea Atlántica, participou neste Día das Letras Galegas no almorzo informativo da Asociación da Prensa da Coruña, e comprometeuse a “implantar un Bono Cultura permanente e destinado a colectivos con problemas para acceder a ela, como a mocidade, sempre con criterios de renda. Será unha política estable para o fomento do consumo cultural, non unha oferta dun par de meses para que a collan os máis rápidos en sacar o bono”. Xove, que estivo acompañado pola arquitecta Chiqui García,  explicou que este bono cultura podería gastarse nas libarías da cidade, nas salas de concertos, no teatro e noutras propostas do sector cultural da cidade, como un xeito de escoller A Coruña.

“Resulta difícil de crer tras estes catro anos, pero si, a Cultura segue a ser unha das áreas do goberno do Concello da Coruña. E, desde a Marea Atlántica, temos a vontade de recuperala como se merece. Unha das primeiras cousas que farei desde o goberno municipal será recuperar a Concellería de Cultura”, sinalou o noso cabeza de lista. E engadiu que “tras un mandato perdido, temos que volver darlle ao sector cultural coruñés a atención que merece pola calidade e relevancia do que nos achega, do que nos entretén, do que nos fai pensar e empatizar, e tamén polos milleiros de postos de traballo que representa na nosa cidade”.

Ademais, Xan Xove recuperou a aposta por facer da Coruña unha Cidade do Libro os 365 días do ano, traballando da man do sector, fomentando a lectura e o coñecemento, e poñendo en en marcha un plan estratéxico do libro e a lectura, que permita presentar candidatura para que a Coruña sexa parte da Rede de Cidades de Literatura da Unesco, á que xa pertencen medio cento de urbes en todo o mundo. 

Para Xove: “as letras teñen un papel esencial na Coruña, que sempre foi unha cidade ilustrada. Aquí imprimíronse os primeiros libros libros e publicacións en galego, na cidade das Irmandades da Fala, de Uxío Carré, dos tesouros que se gardan no Arquivo Histórico de Galicia ou na biblioteca do Circo de Artesáns, e de autoras e autores de recoñecemento internacional, e non só en literatura, tamén no campo da ilustración e a banda deseñada”. 

Viñetas todo o ano

Aquí, o candidato referiuse a outra proba da mala xestión cultural deste mandato, a marcha de Miguelanxo Prado pola falta de apoio ao Viñetas desde o Atlántico, un evento que custa ben menos que calquera gran concerto e deixa dez veces máis retorno na cidade. 

“Queremos conservar o que representa Viñetas, e deixalo medrar tras 25 anos, con actividades relacionadas co cómic máis aló de agosto, e con bolsas e residencias artísticas que apoien ás autoras e autores emerxentes, reforzando o tecido que xa existe na Coruña. Con obradoiros, presenza en escolas e colaboracións coas bibliotecas municipais, seguindo o modelo de cidades como Angouleme, en Francia”.

Neste sentido, Xove tamén se comprometeu a “retomar o traballo que a alcaldesa non quixo facer, unificando toda a rede de bibliotecas municipais baixo a xestión directa do Concello. Para mellorar o servizo e rematar coas desigualdades que vivimos nestes anos, onde unhas traballadoras, as do público, cobraban a tempo e outras, as da privada, non sabían se terían soldo ou non”. Inés Rey comprometérase a crear unha comisión para dialogar coas traballadoras e a oposición, pero remata o mandato sen cumprir

En liña con todo o anterior, desde a Marea Atlántica apostamos por un goberno comprometido coa lingua galega e co cumprimento da Ordenanza de Normalización Linguística, facendo da nosa fala o principal vehículo de expresión do Concello da Coruña. Tamén retomaremos o proceso de galeguización dos nomes das rúas, iniciado por Xulio Ferreiro (nas avenida de Arteixo e Fisterra, entre outras), e paralizado neste mandato.

Propostas para escoller A Coruña

Esta batería de medidas, ao igual que todo o noso programa electoral, xorden do traballo dos últimos anos e dun diálogo permanente co sector cultural. Son propostas concretas e realizables, propostas pensadas para a Coruña de hoxe, pois “así é como actúa a Marea Atlántica, e así é como queremos enfocar estas eleccións municipais, no debate sobre a cidade e os seus retos”. 

Xan Xove afirmou que “o que escollemos este 28 de maio non está na Moncloa nin en San Caetano. Está na Coruña. O que decidimos e que cidade queremos para a vindeira década”. A veciñanza ten que tomar unha decisión entre baixar os alugueres, construir vivenda pública ou rehabilitar os pisos baleiros, ou deixar os promotores inmobiliarios decidan por nós. 

Escollemos entre fundar unha empresa pública de transporte, ou seguir igual outros 20 anos, cunha empresa privada decidindo como nos movemos pola cidade. Entre producir a nosa enerxía verde, para loitar contra o cambio climático e crear emprego ou seguir falando en verde e facendo en gris, coma en Alfonso Molina. Escollemos entre ter un porto aberto ou perde a nosa fachada marítima. O 28 de maio, escollemos A Coruña.

Xan Xove comprométese a crear un Bono Cultura permanente, con criterios de renda, e destinado a colectivos como a mocidade