O candidato á Alcaldía da Marea Atlántica visitou hoxe a sede de CASCO, unha das organizacións que recibiron apoio desde a nosa Xanela de Proxectos, para atender as persoas con problemas de saúde mental en situación de rúa
“A alcaldesa anda coa cabeza na elaboración da súa lista, e diríase que vai empregar os orzamentos como programa electoral, pero as entidades seguen sen saber que apoio terán este ano”, sinala Xove
O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, reclamoulle hoxe a Inés Rey que “poña sobre a mesa, cando antes, un modificativo de crédito para desbloquear dunha vez os convenios coas entidades sociais, deportivas, culturais e veciñais da Coruña, que están caducados desde decembro por culpa de que o goberno local non presentou nin sequera un proxecto de orzamentos para 2023”.
Xove visitou hoxe a sede do Comité Antisida da Coruña (CASCO) para escoitar as necesidades desta entidade social e coñecer a situación do seu traballo de seguimento das persoas con problemas de saúde mental que se atopan en situación de rúa, unha das iniciativas que financiamos no marco da nosa Xanela de Proxectos. Desde alí, agradeceu o traballo de CASCO, “unha entidade xa histórica na nosa cidade, e todo un exemplo do traballo solidario que a cidadanía fai alí onde non chegan as institucións”.
Desde xeito, Xan Xove lamentou que “Inés Rey estea pensando en presentar un programa electoral antes que uns orzamentos, e teña a cabeza en cousas coma a elaboración da súa lista en lugar de atender as necesidades do tecido asociativo da Coruña”, e pediulle á alcaldesa que corrixa este erro canto antes. Na Marea Atlántica levamos desde decembro reclamando un modificativo de crédito para garantir os convenios, pero tres meses despois o goberno local non quixo aínda darlles garantías ás entidades sociais de que contarán co apoio do Concello en 2023.
Novo programa de deporte inclusivo en CASCO
Nesta visita, Xan Xove tamén lle deu o seu apoio ao novo programa de deporte inclusivo que está a desenvolver CASCO, cun triplo enfoque médico, social e deportivo. Un pasiño máis no labor que esta entidade realiza para facilitarlle á vida ás persoas en risco de exclusión social, e que no noso candidato axudou a difundir coa gravación dun vídeo.