Saltar ao contido

O candidato da Marea Atlántica visitou hoxe as instalacións do porto exterior, unha infraestrutura estratéxica para a área metropolitana

“A nova dársena está a enfiar un proxecto estratéxico e incrementar a súa actividade económica, unha oportunidade para liberar A Coruña da carga da débeda portuaria”, argumenta Xove

Xan Xove, candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, visitou hoxe as instalacións do porto exterior e puido constatar o incremento da actividade e as interesantes perspectivas a medio e longo prazo que se están a abrir para unha infraestrutura estratéxica para a área metropolitana. Valora positivamente a boa marcha da nova dársena, que supuxo un importantísimo investimento de recursos públicos, e comprométese a aproveitar a oportunidade e negociar con Puertos del Estado para “liberar os peiraos interiores da presión da débeda”.

O noso cabeza de lista sinalou que “o porto está a ter excelentes resultados económicos desde o desbloqueo da conexión ferroviaria en Punta Langosteira e grazas aos fondos Next Generation, que a Marea Atlántica sempre loitou por reclamar, e xa é máis competitivo e capaz de asumir os seus compromisos financeiros sen atalos á cidade”. E fixo un chamamento a derrogar os convenios asinados en 2004, que aínda seguen vixentes e inclúen a venda de solo nos peiraos de San Diego. 

Na visita, na que taméiónsn participaron a número 4 da candidatura da Marea Atlántica, a arquitecta Chiqui García, e o noso vicevoceiro municipal, Iago Martínez, lembrouse que o porto da Coruña tivo un dos mellores resultados de España en 2022, cun crecemento do 25% nos tráficos. E está a liderar proxectos coma A Coruña Green Port, centrado na produción de enerxías renovables.  

Xestión pública e democratización de usos

“A evolución da situación da Autoridade Portuaria convida ao optimismo, así que é o momento de liberar tamén os peiraos de San Diego da ameaza da especulación, como xa aconteceu no centro, en Calvo Sotelo e Batería, grazas a que a Marea Atlántica fixo valer o seu peso político na negociación dos Orzamentos 2022”, lembra o candidato. “Dicían que era imposible, pero o certo é que o porto interior xa está a ter uso público, e o certo é que a Autoridade Portuaria xa é quen de facerse cargo das súa propias cargas financeiras”.

En todo caso, cómpre lembrar que a débeda de 200 millóns que ata á Coruña a Puertos del Estado ten unhas condicións abusivas, cuns intereses dez veces superiores aos que lle cobra o Banco Europeo de Investimentos por un préstamo similar.  Polo tanto, o fin último ten que ser a condenación desta débeda, igual que se fixo no caso de Valencia, polo dobre do importe. 

Neste sentido, Xan Xove propón que se sigan ampliando e democratizando os usos dos peiraos interiores, abrindo canles para que calquera persoa poida solicitar actividades aínda sen ter un apelido ilustre. E promete que unha das primeiras cousas que fará tras o 28 de maio, desde o goberno municipal, é chamar ás distintas administracións para falar da constitución dun consorcio 100% público, coa Xunta, Puertos del Estado e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, para liderar o futuro do porto interior. 

Loito por Arsenio, o adestrador que fixo grande ao SuperDepor

Doutra banda, Xan Xove quixo enviar as súas condolencias, no seu nome e no de toda a Marea Atlántica, polo falecemento de Arsenio Iglesias, o adestrador que fixo grande ao SuperDepor. “Arsenio fixo do sentidiño unha forma de vida, sempre honesto, sempre humilde e sempre xenial. Colleu a un Depor en segunda división e ascendeuno ás estrelas. Sen o seu talento, a historia do deportivismo sería ben diferente”. O noso máis sinceiro pésame á familia e amizades de Arsenio Iglesias. 

Xan Xove negociará con Puertos del Estado para liberar os peiraos interiores da presión da débeda ante a boa marcha de Punta Langosteira