O candidato á Alcaldía lembrou que “a cidadanía ten que escoller entre o retroceso do PP, o inmobilismo do PSOE ou un modelo de cidade con futuro, o da Marea Atlántica”
A formación municipalista é a única das que se presentan que toma as súas decisións na Coruña e se financia só co apoio da xente da Coruña, doazóns que a tal hora xa superan as recibidas para a campaña electoral de 2019
Xan Xove, candidato á Alcaldía da Coruña pola Marea Atlántica, presentou hoxe en rolda de prensa o cartel electoral e o lema que a forza municipalista empregará durante a campaña: “Escolle A Coruña”. Un lema que, tal e como explicou o cabeza de lista, pode entenderse en diversos sentidos. “En primeiro lugar, representa que estamos ante unhas eleccións decisivas, que este 28M escollemos que A Coruña queremos. Entre o retroceso que representa o PP, e o inmobilismo dun PSOE que en canto lle deixas che desenterra un proxecto urbanístico dos anos 90, ou un modelo de cidade traballado e con futuro, o da Marea Atlántica.”
“Escolle A Coruña” é tamén un chamado a centrar o debate onde importa, no que necesitan a cidade e a veciñanza. “Son unhas eleccións municipais. Non son o prólogo para outra cousa nin un plató onde dirimir aspiracións doutro tipo. Trátase da Coruña. Do que queremos para A Coruña. Por iso, este 28M escollemos A Coruña”, explicou Xove.
Ademais, “Escolle A Coruña” evidencia que de todas as papeletas que estarán dispoñibles este 28M, só unha representa a unha forza política “que toma as súa decisións na Coruña, que traballa coa cabeza, o corazón e as mans postas en facer da Coruña unha cidade mellor, e a única que se financia sen hipotecas e sen favores alleos, só co apoio da xente da Coruña. Sen pedirlle permiso a ninguén. Este 28M escollemos poñer A Coruña por diante”, sinalou o candidato. E engadiu que a campaña de achegas cidadás aberta pola formación foi un éxito, e vén de superar o nivel de recursos acadado en 2019, “algo polo que só podemos amosar un enorme orgullo e inmenso agradecemento”.
Finalmente, con “Escolle A Coruña” tamén queremos facer un chamamento a esas persoas que aínda non decidiron o seu voto. E niso centraremos tamén a nosa campaña. Sabemos que coñecen a Marea Atlántica, e queremos facerlles chegar as nosas propostas e ideas para que saiban que poden volver confiar en nós. Que a Marea sempre cumpre.
Primeiros actos nos Mariñeiros, Labañou e Orillamar
Así, o primeiro acto de campaña será mañá, venres, ás 19h, na praza dos Mariñeiros, ao pé da macrourbanización que se proxecta en San Pedro de Visma, cun pequeno encontro no que reivindicaremos que outro urbanismo é posible, pensado para as persoas e non para as construtoras. En Visma e nos Mariñeiros, escollemos unha cidade para vivir.
O sábado estaremos pola mañá na Praza da Tolerancia, cun acto dedicado á “cidade da infancia”, e pola tarde en Orillamar, con outro sobre a “cidade feminista”. Nos dous casos haberá música e sorpresas, que daremos a coñecer proximamente.
Ese 28M, A Coruña escolle. E se o que queres é unha cidade con alugueiros asequibles, verde, xusta, feminista e democrática. Unha Coruña cunha empresa municipal de transportes, cun proxecto piloto de Renda Básica, ou que volva ter unha Concellería de Cultura, a túa opción é a Marea Atlántica.