Saltar ao contido

O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía realizou hoxe un percorrido polo barrio, en compañía da asociación veciñal, e propón unha nova fase na área de rehabilitación iniciada por Xulio Ferreiro no pasado mandato

Xan Xove: “Elviña precisa mellorar as rúas e camiños, dotarse de todos os servizos básicos e priorizar os percorridos a pé e bus urbano nunha zona na que o coche ten demasiado protagonismo”

O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, realizou hoxe un percorrido polo barrio de San Vicenzo de Elviña da man da asociación veciñal, e  acompañado por integrantes da súa candidatura, entre elas a arquitecta Chiqui García e o vicevoceiro municipal, Iago Martínez. Neste encontro, propuxo abrir  “unha nova fase nas axudas á rehabilitación e reurbanización de Elviña, para que todas as rúas teñan beirarrúas e servizos básicos e para priorizar os percorridos peonís e o bus urbano nunha zona onde o coche segue a ter demasiado protagonismo”.

Xove recolleu as demandas da AVV, relativas á mellora dos camiños do barrio, que en moitos casos non son accesibles e requiren acondicionamento e un mellor mantemento, unha actuación que tería cabida dentro das axudas de rehabilitación. Lembrou que foi o goberno de Xulio Ferreiro o que, en 2015, activou a primeira área de rehabilitación en San Vicenzo de Elviña. Por iso comprometeuse a renovala en 2023, cando a Marea Atlántica volva estar no goberno, a través dunha Área de Rexeneración e Renovación Urbana (ARRU). Esta fórmula permitirá subvencionar, con apoio do Estado, non só os traballos no espazo público, tamén as obras de mantemento e accesibilidade en edificios e vivendas particulares.

A área de rehabilitación impulsada no pasado mandato permitiu, entre outras cousas, recuperar a contorna do lavadoiro e a fonte do barrio. Precisamente nesa zona está a levarse a cabo unha obra, fronte ao local de Tempo Novo de Elviña, na que o goberno non está a escoitar as achegas da asociación veciñal sobre a execución. Por iso, pedímoslle a Inés Rey e ao seu concelleiro de urbanismo que atenda máis e mellor a estas demandas, que poden propiciar na melloras na execución da obra.

Ademais, a veciñanza reclama que se amplíe a cobertura do transporte público, xa que a principal liña que chega ao barrio é a universitaria, que case desaparece nas fins de semana. Finalmente, solicitan a instalación de fibra óptica para o acceso a internet, unha infraestrutura na que acumulan décadas de atraso.

“San Vicenzo de Elviña tivo que lidar coa falta de atención do Concello, que afectou a todos núcleos tradicionais da Coruña, sumada neste caso ao desastre do antigo parque Ofimático, un exemplo do dano que lle fixo á cidade o modelo urbanístico dos anos 80 e 90. Un modelo que agora o goberno local quere resucitar en espazos coma Visma”, sinalou o noso candidato. E lembrou, ademais, que foi a Marea Atlántica quen amañou esa desfeita, permitindo que agora se estea a desenvolver o novo barrio de Xuxán.

Despois de que Carlos Negreira, do PP, tirase abaixo a casa de Varo e Isabel, chegou o goberno de Xulio Ferreiro e detivo as expropiacións para dialogar coa veciñanza.  Foi responsable tamén da nova ordenación e urbanización de Xuxán e da eliminación da pasarela que desembarcaba no núcleo de Elviña e que tería significado o derrubo de novas casas. Ao tempo, deseñouse o plan para construír un edificio de 50 vivendas de propiedade pública pero, por desgraza, quedou paralizado polo equipo de Inés Rey.

O Ministerio de Defensa: en sentido contrario ao ben común

Durante a visita, Xan Xove tamén valorou a información publicada hoxe por La Opinión de A Coruña, sobre a intención do Ministerio de Defensa de sacar a poxa os terreos do antigo cuartel de Agrela, co consentimento do goberno local. E lamentou que “cando, por primeira vez en moitos anos, existe un contexto favorable a reforzar o sector público, Defensa e o  goberno local van en sentido contrario, o de malvender solo e descapitalizarse. Repiten o erro da Maestranza, e doutras moitas propiedades do Estado nas que se priorizou facer caixa antes que empregalas para o ben común”.

Para o noso candidato, “por como xestiona as súas propiedades, cada vez custa máis lembrar que o Ministerio de Defensa é unha entidade pública e non unha inmobiliaria privada e movida só polos cartos. Un camiño no que o goberno de Inés Rey non dubida en acompañalo”. “Vender é o máis doado, pero tamén o menos beneficioso para a cidade. Xúntanse a falta dun proxecto estratéxico para A Coruña, a falta de capacidade para imaxinar alternativas, e a falta de traballo político para facelas viables” engadiu Xove.

Xan Xove acometerá unha ampliación ambiciosa das axudas para a rehabilitación de San Vicenzo de Elviña