Saltar ao contido

O deputado autonómico e voceiro da Coordinadora da Marea Atlantica sinalou que “a maior proposta para esta cidade foi o anuncio dun anuncio, que dentro de tres meses nos dirá ubicación no novo hospital”

O deputado no Parlamento de Galicia e voceiro da Coordinadora da Marea Atlántica, Xan Xove, valorou hoxe, co foco posto na Coruña, as propostas de resolución que o Grupo Común da Esquerda leva ao Debate de Política Xeral e valorou o discurso pronunciado onte por Alberto Núñez Feijóo. “O presidente xa está en campaña, pero leva anos facendo as mesmas promesas, e incumprindo todas as que teñen que ver coa cidade da Coruña”, asegurou Xove, engadindo que “pola contra, desde a Marea Atlántica demostramos que desde o entendemento, é posible impulsar políticas públicas que benefician a toda a cidadanía”.

O deputado sinalou que “o único que ten Feijóo para A Coruña son promesas incumpridas, que recupera unha e outra vez, mentres seguimos agardando pola Intermodal, o saneamento da Ría do Burgo ou a nova residencia de maiores que se fará, por certo, en terreos cedidos en Eirís polo goberno de Xulio Ferreiro”.

“Onte, a maior proposta do presidente da Xunta para A Coruña foi o anuncio dun anuncio, que dentro de tres meses nos dirá a ubicación no novo hospital”, explicou Xan Xove, e reclamou que “o proxecto sexa acordado coas profesionais da sanidade, e que non sexa unha escusa para seguir recortando en atención primaria, porque en barrios como Labañou chega a haber 11 días de espera para unha cita no centro de saúde”. Na mesma liña, o seu maior proxecto estes anos foi unha pasarela, a de Marineda, que acumula meses de atraso e só serve para chegar a un gran centro comercial privado. “Di moito do modelo Feijóo”, concluíu.

Dereitos fronte a asistencialismo

Xan Xove lembrou que o martes, a Marea Atlántica chegou a un acordo co PSOE da Coruña para “que as escolas infantís municipais sexan de balde a partir do curso 2020-2021, facendo realidade unha das propostas do programa electoral”. E, ao día seguinte, Feijóo copia parcialmente a idea e anuncia a gratuidade só a partir do segundo fillo por familia: “Nós consideramos que o ensino de 0 a 3 anos é un dereito, parte da educación pública, mentres a Xunta enfócao como unha medida asistencialista”.

Este “pacto á coruñesa” asinado pola Marea e o PSOE amosa que “pode construírse unha alternativa á dereita desde o diálogo, a responsabilidade e a altura de miras: na Coruña xa se está a traducir en medidas como os avances na Área Metropolitana e na creación dun operador enerxético municipal,  que encaixan co modelo de país que propoñemos desde o Grupo Común da Esquerda”, afirmou o deputado.

Resolucións para unha Galicia mellor

20190926_SGR_MA_rolda_xan_xove_MG_4935Entre as 40 resolucións que o Grupo Común da Esquerda persenta hoxe no Parlamento de Galicia, Xan Xove salientou a relacionada coa loita contra a pobreza enerxética, na que a liña marcada coa futura ampliación de Emalcsa para dar servizos de enerxía social e sostible pode ser un camiño a seguir. “É un cambio de modelo necesario na loita contra o cambio climático, demandado por coleticivos como Fridays For Future e o Movemento Galego polo Clima”.

Defendeu tamén o rescate da AP-9, unha autovía privatizada en 2013 e que suma beneficios desmesurados cada ano, e convidou a reflexionar sobre a mobilidade sostible nun sentido amplo, para o que resulta fundamental avanzar na integración do transporte urbano e interurbano a través das áreas metropolitanas: “A da Coruña bota a andar estes dias, por fin, aínda que impulsada desde os concellos e non desde a Xunta, agardemos que Feijóo non a bloquee como está a facer coa de Vigo”.

No marco da mobilidade, o Grupo Común da Esquerda esixe tamén a mellora das infraestruturas ferroviarias, que non remata co AVE. “Precisamos unha rede de cercanías axeitada, incluíndo a mellora da liña Coruña-Ferrol, ancorada no século XIX —asegurou Xove—, a conexión con Portugal a través do Corredor Atlántico de mercadorías e a imprescindible conexión ferroviaria ao Porto Exterior da Coruña, sen a cal carece de sentido o enorme investimento en Punta Langosteira”.

Ademais, o deputado salientou a esixencia dunha reactivación industrial, fundamental para empresas como Isowat, competitiva e con carga de traballo, pero que “está a piques de pechar porque Abanca non chega a un acordo para venderlla a un comprador interesado. Ese banco que antes foi unha caixa galega, que tamén vendeu a súa parte de R, agora ameazada de deslocalización”.

Finalmente, o Grupo Común da Esquerda propón crear unha Renda Social Galega, que mellore a RISGA da Xunta e responda ás demandas que os colectivos sociais levan década facendo: simplificar trámite e criteiros para que chegue a todas as persoas que a precisan. “De feito, o da Coruña e outros concellos tiveron que pasar por riba das súas competencias e crear as súas propias rendas sociais, para atender a quen non podía recibir a RISGA: son o modelo a seguir”.

Xan Xove: “Para A Coruña, Feijóo só ten promesas incumpridas”