O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña participou hoxe nun debate sobre o problema da vivenda na cidade e apostou por primar as axudas a pisos destinados ao alugueiro ou que se sumen á bolsa de EMVSA
“A Coruña necesita os próximos catro anos un mandato volcado na política de vivenda, e iso só será posible nun goberno da Marea Atlántica”, resume o candidato á Alcaldía
O anuncio de vivenda pública na Maestranza non é realista: non se pode construir enriba dos restos da muralla, declarados BIC, nunha parcela destinada a converterse nunha zona verde
Xan Xove, candidato á Alcaldía da Coruña pola Marea Atlántica, transformará as axudas municipais á rehabilitación de edificios e vivendas para ligalas ao alugueiro asequible, en lugar de favorecer a compravenda ou a proliferación de pisos turísticos. Así, dentro dun plan Coruña Revive, Xove aposta por modificar as bases destas subvencións para dotalas con máis fondos e “primar a rehabilitación de primeiras vivendas e de vivendas que vaian estar en réxime de algueiro a prezos asequibles, para combater o gran problema que temos na Coruña, a cidade galega máis cara agora mesmo para vivir de alugueiro”.
Xove, que participou hoxe no debate de Radio Coruña sobre a cuestión da vivenda, defende tamén que o plan Coruña Revive favoreza aos pisos que, despois de rehabilitarse, se inscriban á bolsa de aluguer de EMVSA, tanto para atender á emerxencia social como para sumarse ao futuro banco de vivendas destinadas á mocidade. Tamén se reforzará, coma xa anunciamos, a liña de instalación de ascensores e medidas de accesibilidade, para que ningunha persoa sexa prisioneira na súa casa.
“Coas bases actuais, as axudas públicas poden acabar en pisos rehabilitados para dedicarse ao sector turístico, ou para vendelas a prezos de especulación, dúas prácticas que rematan por expulsar á veciñanza dos barrios, que dificultan o acceso á vivenda e que non deberían apoiarse nunca con cartos públicos”, aclarou o candidato.
Xove valorou, tamén, o anuncio da construción de vivendas públicas na parcela que lle queda a o Ministerio de Defensa na Maestranza, nunha parcela que non puido vender por ter restos arqueolóxicos e que estaba a tramitar o seu cambio de usos a zona verde. “Non é serio lanzar este anuncio en campaña, non é un proxecto realista convencernos de que se pode edificar enriba dos restos da muralla despois de que ningunha promotora privada quixese mercalo. A parcela da Maestranza debe manterse como zona verde”.
A partir do 28 de maio, comeza o mandato da vivenda
“O problema é grave. É imposible alugar. Hoxe mesmo un informe do Banco de España, institución pouco sospeitosa de ser da Marea Atlántica, sinalaba que a metade da xente que vive de alugueiro está en risco de pobreza ante a escalada de prezos. Temos que actuar xa, e en todos os eidos. “A Coruña necesita os próximos catro anos un mandato volcado na política de vivenda, e iso só será posible nun goberno coa Marea Atlántica”, resume o candidato.
Lembrou os datos máis recentes: o alugueiro medio na Coruña subiu ata os 595,8 euros, segundo sinala hoxe mesmo o Observatorio da Vivenda da Xunta de Galicia. Incrementouse un 25% durante o goberno de Inés Rey. E, en paralelo, o último informe da Xunta amosa que na cidade hai 849 pisos turísticos, que seguen a medrar sen control. Duplicáronse neste mandato, e son tamén o dobre que os pisos que se ofertan para aluguer convencional.
As propostas da Marea Atlántica
Fronte a iso, a Marea Atlántica ten propostas claras e realistas, que son froito do traballo dos últimos anos e non do furor da campaña:
- Faremos 250 vivendas públicas en alugueiro asequible nos terreos municipais de Xuxán.
- Aplicaremos a nova Lei de Vivenda para baixar o prezo dos alugueres.
- Facilitaremos vivendas en aluguer asequible á xente moza a través da empresa municipal de vivenda, dando garantías a todas as partes.
- Frearemos a proliferación incontrolada de pisos turísticos regulando o sector e a súa presenza nos barrios.
- Cederemos solo municipal para proxectos innovadores de vivenda cooperativa sen ánimo de lucro.
- E, como anunciamos hoxe, incrementaremos as axudas á rehabilitación, pero a rehabilitación para vivir.
Xan Xove lembra que “o 28 de maio temos que escoller. Escoller entre unha cidade na que sexa imposible alugar e unha cidade na que poidamos vivir ben. Na Marea Atlántica escollemos A Coruña. Escollemos vivir ben na Coruña. E para iso, quero gobernar esta cidade, para poñer a vivenda no centro”.
Escaso compromiso coa rehabilitación neste mandato
Co goberno de Inés Rey faltou compromiso e traballo para facer máis eficientes estas políticas. No ano pasado, no orzamento pactado coa Marea Atlántica, o PSOE tiña 11,7 millóns para axudas á accesibilidade e á rehabilitación. Só se gastaron 3,9 millóns, un pobre 33,3%, no contexto da execución orzamentaria máis baixa da última década. No último ano completo da Marea Atlántica, o 2018, a execución superou o 44%.
Con Xulio Ferreiro, estas subvencións viron elevadas as súas contías e simplificados os trámites para solicitalas, introducindo tamén criterios de renda. Serven para a instalación de ascensores e outros elementos de accesibilidade, así como para renovar fachadas, cubertas e zonas comúns, e para melloras na eficiencia enerxética, reducindo o consumo eléctrico e axudando a frear a emerxencia climática.
Trátase dunha política que mellora a calidade de vida da veciñanza, e contribúe a reducir as desigualdades entre barrios, polo que é o momento de potenciala aínda máis, vinculándoa ao alugueiro a prezos asequibles.