Saltar ao contido

“Precisamos un goberno que faga o que hai que facer, que tome decisións ambiciosas en vez de limitarse a xestionar”, afirmou o candidato á Alcaldía no debate de Radio Coruña 

Xan Xove, candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, participou hoxe no debate electoral de Radio Coruña, desde onde sinalou que “parece claro que a partir do 28 de maio, A Coruña terá un goberno de signo progresista. O que temos que decidir é se será, ademais, un goberno que se atreva a facer o que hai que facer para resolver os problemas da cidade: vivenda, mobilidade, transición ecolóxica, área metropolitana, cultura… Precisamos un goberno valente, que tome decisións ambiciosas e non respostas conformistas, que lidere e non se limite a ser unha xestoría. E para iso está a Marea Atlántica, a forza que abre camiño”.

Xove lembrou que, pese a que A Coruña tivo nas últimas décadas gobernos de todas as cores, incluíndo un bipartito, só a Marea Atlántica e o alcalde Xulio Ferreiro (quen estivo presente no debate) foron quen de plantar cara e frear a venda dos peiraos interiores, apostar en serio pola bici eléctrica, borrar os nomes franquistas das rúas, eliminar as touradas e crear unha Renda Social Municipal, entre outras moitas cousas nas que abrimos camiño. “Estamos nun momento de retos decisivos”. 

Xove centrouse en propostas concretas para a cidade da Coruña. “porque estas non son as eleccións nin á Moncloa nin a San Caetano, son para escoller o goberno da Coruña e para os retos que a cidade ten que afrontar nos vindeiros anos”. Comezando polo problema da vivenda: “Desde que goberna Inés Rey en solitario, o prezo medio do alugueiro medrou un 25%, ata ser o máis caro de Galicia, e os pisos turísticos duplicáronse. Non podemos seguir así. No vindeiro mandato, un goberno valente ten que construír vivenda pública, 250 pisos en alugueiro asequible nos terreos municipais de Xuxán. Ten que regular os pisos turísticos e ten que espremer ao máximo a nova Lei de Vivenda. E para iso, a garantía é que estea a Marea Atlántica”. 

O noso candidato referiuse, ademais, á fin da concesión do servizo de bus á Compañía de Tranvías, que remata a finais de 2024, “e teremos unha oportunidade de ouro, que non se repetirá en décadas, para avanzar nunha nova mobilidade na Coruña, sen atarnos a unha compañía privada, creando unha empresa municipal de transportes”. No debate, o BNG so quixo falar de “estudar” a proposta e o PSOE nin se referiu ao servizo de bus. Só a Marea Atlántica se atreveu con claridade. 

Xove reiterou a aposta por crear unha empresa municipal de transportes, 100% pública, lanzando un novo mapa de liñas de bus xa no primeiro ano de mandato, “para adaptar o servizo á cidade de hoxe, non á de hai 40 anos”, cousa que pode facerse aproveitando o proceso participativo que xa realizou Xulio Ferreiro. “Xa nos dixeron que era imposible abrir os peiraos e crear unha renda social. Na mobilidade, volveremos abrir camiño”.

Esta empresa poderá xestionar tamén BiciCoruña, levando estacións a lugares de grande tránsito, coma o Chuac ou os campus universitarios, e reforzando o servizo para que os barrios non queden sen bicis nas horas punta. 

Finalmente, o cabeza de lista da Marea Atlántica amosou un compromiso claro coa transición ecolóxica e con medidas para frear  o efecto da crise climática. Apostar pola produción de enerxías renovables na Coruña, por unha xestión dos residuos máis eficiente cun renovado contrato para a planta de Nostián e, desde logo, pola expansión das zonas verdes para que cada barrio teña acceso a espazos naturais, “algo moi beneficioso non só para reducir as temperaturas e a contaminación, tamén para a saúde física e mental da veciñanza”, concluiu o candidato. 

Xan Xove chama a votar á Marea Atlántica para “abrirlle camiño a un goberno que se atreva cos retos da Coruña”: políticas de vivenda, empresa municipal de transportes e compromiso ambiental