O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía anunciou este compromiso, que incluiría os museos científicos e outros equipamentos culturais da cidade, na súa visita ás actividades do Día da Ciencia na Rúa no Parque de Santa Margarida
“O reparto desigual dos coidados está a privar as mulleres con menos recursos, as familias monoparentais, as persoas migrantes ou as vítimas de violencia machista de gozar da cultura”, argumenta o líder da formación municipalista
Xan Xove, candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, anunciou hoxe o seu compromiso de ampliar o servizo municipal de canguraxe para facer máis doado o acceso á cultura das persoas con dificultades para conciliar. Así, e do mesmo xeito que agora se presta en centros cívicos, a canguraxe pública pode levarse tamén aos museos científicos e outros equipamentos culturais da cidade, “para garantir que o reparto desigual dos coidados non prive do acceso á cultura a ningunha veciña ou veciño da cidade”.
O noso cabeza de lista fixo esta proposta na súa visita ás actividades do Día da Ciencia na Rúa, que se celebran no Parque de Santa Margarida, e lembrou que o servizo de canguraxe foi reforzado e ampliado durante o goberno de Xulio Ferreiro e que, grazas á iniciativa da Marea Atlantica, foi incluído tamén entre as medidas de choque fronte á pandemia. Beneficia especialmente a unidades familiares monoparentais, familias numerosas, persoas migrantes e mulleres en situación de violencia de xénero. Tamén funciona como apoio en procesos de inserción e participación sociolaboral ou similares.
Agora, a canguraxe municipal préstase en centros cívicos, ou ben como servizo a domicilio, pero a proposta de Xan Xove é levala tamén aos museos científicos e a equipamentos culturais e museísticos de titularidade municipal. “É un xeito de facer das políticas culturais e dos coidados algo transversal no Concello. O acceso á cultura é fundamental para a aprendizaxe a todas as idades, para o ocio e para a formación do pensamento crítico, por iso quero apostar por garantilo a cantas máis persoas mellor”, explica Xove.
Empresa municipal de coidados
Na mesma liña, o candidato á Alcaldía lembrou a súa proposta de crear unha Empresa Municipal de Coidados na Coruña, que xestione directamente o servizo de canguraxe, a asistencia no fogar a persoas dependentes e outras prestacións públicas para facer a vida máis doada, ao tempo que se garanten condicións laborais dignas para as traballadoras.
“Desde o Concello da Coruña temos a capacidade de mudar a situación, e farémolo a partir de maio, coa Marea Atlántica de volta do goberno. Sen coidados non hai vida, e vai sendo hora de que as institucións actúen para poñer en practica o que tan duramente aprendemos na pandemia. É hora de centrar esforzos en poñer a vida no centro”, resume Xan Xove.