O candidato á Alcaldía sinalou a falta de estación de BiciCoruña en Elviña e A Zapateira e o mal estado do carril bici na parte de Someso, onde presenta graves deficiencias
Reuniuse con estudantes da Universidade no último día de aulas, para falar dos problemas de vivenda e acceso aos servizos por parte da mocidade, coa presenza de Xulio Ferreiro
Xan Xove, candidato á Alcaldía da Coruña pola Marea Atlántica, comezou hoxe o seu primeiro día de campaña electoral cun percorrido en bici desde o Obelisco ata o campus universitario de Elviña, empregando o servizo público de BiciCoruña, e comprobando de primeira man as dificultades do percorrido. “Fixemos o percorrido polo carril bici, que presenta unha serie de deficiencias, sobre todo no tramo que atravesa Someso por detrás de Espacio Coruña, co pavimento moi deteriorado, cheo de puntas oxidadas, sen iluminación en con graves problemas de seguridade. Arránxarémolo no vindeiro mandato, coa Marea Atlántica de volta no goberno municipal, escollendo A Coruña”, explica Xove tras rematar o traxecto.
O candidato denuncia, ademais, que non existe aínda estación de BiciCoruña nin no campus de Elviña nin no da Zapateira, dificultando o uso do servizo por parte da comunidade universitaria. “Instalarémolas no vindeiro mandato, ao igual que noutros puntos sensibles da cidade coma os hospitais. E reforzaremos o servizo de reposición de bicis, porque de pouco serve ter unha estación se a vas atopar baleira en hora punta, coma ocorre moitas veces nos barrios da contorna da rolda de Outeiro e Monte Alto”.
Xa no campus de Elviña, e con presenza do exalcalde e decano de Dereito, Xulio Ferreiro, Xan Xove tomou un café con estudantes da Universidade da Coruña no último día de aulas, para falar con elas nos problemas da mocidade no acceso á vivenda e aos servizos públicos. E lembrou a nosa proposta de potenciar a bolsa de alugueiro de EMVSA, creada por Xulio Ferreiro, cun banco de vivendas asequibles para xente moza.
Xan Xove continuará a campaña esta tarde, cunha visita ás hortas urbanas da Agra do Orzán e, ás 19h, co seu primeiro acto público, na praza dos Mariñeiros, ao pé da macrourbanización que se proxecta en San Pedro de Visma. Será un encontro para reivindicar que outro urbanismo é posible, pensado para as persoas e non para as construtoras. Tamén participarán a arquitecta Chiqui García, numero 4 da candidatura, e a veciña Begoña Romero.
Programa dobre para o sábado 13 de maio
O sábado haberá sesión dobre. Desde as 11.30h, estaremos na Praza da Tolerancia, cun acto dedicado á cidade da infancia, no que intervirán Mariló Candedo, pedagoga, profesora universitaria e número 11 da nosa candidatura, Bea González de Canales, enfermeira e número 2 da lista; e de novo Chiqui García e Xan Xove. Haberá música en directo, barra e programación infantil, a cargo de Moc Moc Peque Disco.
E xa na tarde de mañá, sábado, a terraza do Bico Bar, na travesía de Orillamar, acollerá un acto sobre a cidade feminista e o camiño cara a igualdade de dereitos. Con María José Durán, militante de Verdes-Equo e ecofeminista, Hortensia Rossi, activista nos dereitos das persoas migrantes, Cristina Antelo, traballadora do Servizo de Asistencia no Fogar e candidata da Marea Atlántica, e Bea González de Canales. En directo, teremos a actuación musical de Lúa Mosquetera, acompañada de Pablo Seijas.