Saltar ao contido
Foto de Sandra García Rey

María García: “Cuestionamos que a prioridade de Inés Rey sexa chegar a acordos co PP, pero votaremos a favor, porque un Plan de Choque imperfecto é mellor que o que temos agora: nada”

O goberno municipal tardou 74 días de estado de alarma en poñer a proposta sobre a mesa, e hai fogares e negocios que non poden agardar un minuto máis

A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, anunciou hoxe o voto favorable do noso grupo ao Plan de Choque Social que o goberno municipal puxo, por fin, sobre a mesa para facerlle fronte a crise do COVID19. Van 74 días de estado de alarma e hai semanas que era urxente actuar. Por iso, como explicou García, “imos votar a favor, aínda que as medidas que nos traslada o goberno son moi mellorables, pero un Plan de Choque insatisfactorio é máis do que temos agora: nada”.

“Neste tempo, outros concellos da área como Sada, Arteixo ou Betanzos a abriron as súas liñas de axuda. E na Coruña, a Marea Atlántica trasladou nese tempo máis de cen propostas, a sumar ás que realizaron outros grupos da oposición”, engadiu María García.

A portavoz da Marea lembrou que “o voto da Marea non está en risco, o que si semella estar en risco é o rumbo que toma o mandato, cando o PSOE da Coruña prioriza os acordos co PP antes que avanzar en políticas progresistas. Era doado de facer mellor: as tres forzas políticas progresistas que impulsamos os orzamentos podiamos ter impulsado un plan de choque e tratar de sumar, xuntos, ao PP e a Cs. O PSOE escolleu outro camiño”.

Pese a todo, o noso apoio a este plan non está en dúbida, “polos fogares que quedaron sen ingresos, polos postos de traballo perdidos, polos comercios pechados, as persoas sen teito e por toda a veciñanza que leva dous meses  medio a traballar para salvar vidas, alí onde non están as institucións”.

Propostas da Marea Atlántica

O documento proposto polo goberno municipal incorpora, polo menos parcialmente, varias das propostas  a Marea Atlántica trasladou nestes 74 días. É o caso dos bonos para mercar no comercio local, a bolsa de baixos e locais en alugueiro, o reforzo das axudas de emerxencia e da Renda Social Municipal. Tamén da ampliación do servizo de canguraxe, do maior apoio ao sector cultural e dos incentivos a autónomos, pemes e micropemes.

Súmase, tamén, a apertura dunha Oficina de Atención Cidadá para ter unha xanela única desde a que xestionar todas as medidas deste Plan de Choque Social, e o reforzo do persoal municipal, imprescindible para acelerar a tramitación.

Pero quedan moitas dúbidas, como que Inés Rey manteña intacto o millón de euros en propaganda, tendo en marcha un campaña publicitaria para falar dun plan que aínda non se aprobou. Tamén que malgaste 600.000 euros nun convenio irregular con Tragsa que se solapa co contrato de limpeza que o Concello acaba de renovar.

Tamén botamos en falta un maior compromiso coa conciliación alén da canguraxe, sen medidas para as persoas maiores. Como botamos en falta plans para combater o senfogarismo e evitar que moita xente quede na rúa cando se reactiven os desafiuzamentos tras o estado de alarma. Finalmente, e pese ás nosas solicitudes, non se crearán axudas á contratación directa de persoas desempregadas.

“Non son motivos abondo para votar en contra, porque hai moitas persoas que xa non poden agardar máis pola administración. Non bloquearemos un paso tan importante, pero a nosa confianza no goberno municipal sae moi mermada desta negociación”, concluíu María García.

 

Votaremos a favor do Plan de Choque Social para evitar que as axudas acumulen aínda máis atraso