Saltar ao contido

Froito do acordo entre a Marea, o PSOE e o BNG, a cidade terá unhas contas progresistas, que recollen o testemuño do goberno de Xulio Ferreiro en xustiza social e ambiental, igualdade, mobilidade sostible, vivenda e equilibrio territorial

María García: “Con responsabilidade, demostrar que o acordo entre forzas progresistas é posible e positivo. Un aviso ao PP de que chega un cambio de época”

O grupo municipal da Marea Atlántica fixo valer hoxe o seu voto decisivo e facilitou a aprobación inicial dos Orzamentos 2020 no Pleno Extraordinario do Concello da Coruña. Como explicou a nosa voceira, María García, estas contas nacen dun acordo a tres bandas entre a Marea, o PSdeG-PSOE e o BNG, un pacto á coruñesa que demostra “que o acordo entre as forzas progresistas é posible e positivo, un aviso ao PP de que chega un cambio de época”. Tradúcese en máis de cen obras e proxectos por todos os barrios da cidade.

“A Marea Atlántica considera que estes orzamentos son beneficiosos para a cidade, dan continuidade non só a moitas das medidas pendentes do anterior mandato, senón a gran parte do noso programa electoral. Con responsabilidade e altura de miras, amosamos o que non foi posible no anterior mandato porque o PSOE chegou a acordos co PP para bloquear a acción do goberno de Xulio Ferreiro. Pola contra, a Marea cumpre no goberno e na oposición”, sinalou García.

A nosa voceira da lembrou que “estas contas teñen problemas, como o excesivo optimismo no cálculo de ingresos, e medidas coas que non estamos de acordo, como o catastrazo que sube un 3% o IBI por sorpresa, ou a inconsistencia dun informe de impacto de xénero das medidas”, pero “non imos reproducir o bloqueo partidista que no pasado tivo que sufrir esta cidade”.

Cinco eixos e un cento de proxectos nos barrios

Os orzamentos recollen boa parte dos proxectos que non foi posible aprobar no anterior mandato, precisamente debido á actitude de bloqueo que mantiveron PP e PSOE, e introduce varias propostas do programa electoral da Marea Atlántica. Desenvólvese en cinco eixos: loita contra a crise climática, benestar de proximidade e igualdade, dereito á cidade e á vivenda, mobilidade sostible e equilibrio territorial entre os barrios.

Así, inclúe proxectos como a creación dun operador enerxético 100% municipal, a gratuidade das escolas infantís e a creación de dúas novas no Ofimático e nos Mallos; a apertura dos Bosques da Coruña en Feáns e Os Rosais; a ampliación do Servizo de Axuda no Fogar para persoas dependentes; a duplicación das bases de BIcicoruña e a ampliación do carril bici ou a creación da Casa das Mulleres ‘Marcela e Elisa’, entre outras.

Tamén fai un importante equilibrio de esforzos entre os barrios, con actuacións en toda a cidade, desde Novo Mesoiro a Monte Alto, sen esquecer os núcleos rurais e os asentamentos precarios.

Os detalles do acordo poden consultarse nos documentos que fomos asinando durante a presentación do pacto, tanto no pacto asinado a tres bandas, como na nosa negociación bilateral co PSOE e na ampliación dos seus termos para unha mellor garantía de cumprimento.

Imagen

O voto decisivo da Marea Atlántica fai posible a aprobación dos Orzamentos 2020 no Concello da Coruña